martes. 10.12.2019 |
El tiempo
martes. 10.12.2019
El tiempo

Maceda e Quijada: unha garantía de títulos

David F. Maceda e David Quijada. EP
David F. Maceda e David Quijada. EP
O copiloto David F. Maceda vén de conseguir a vitoria na Copa Dacia, do Nacional de rallyes, á beira de David Quijada

O copiloto lucense David F. Maceda acaba de proclamarse campión da Copa Dacia formando parella co piloto estremeño David Quijada nun ano 2019 no que o protagonismo lucense no campionato de España de rallyes viviu un punto de inflexión.

"É o meu segundo ano con David Quijada e a verdade todo nos foi moi ben na Copa Dacia. Non nos baixamos do podio en toda a tempada. Foron seis participacións entre terra e asfalto, a regularidade é clave nunha Copa, non tivemos ningún cero e todo saíu realmente ben. Desde a primeira proba queriamos aspirar ao título, levabamos varias probas xuntos e criamos que era o ano para gañar a Copa Dacia. Saímos a por iso desde o inicio", sinala.

David F. Maceda comenta as diferenzas entre as probas de terra e asfalto, ademais de como viviu xunto ao piloto a consecución do título. "A maior diferenza é que en asfalto tes máis pasadas de recoñecemento, en terra só fas unha; por iso o traballo de notas é básico. O coche ten algunhas modificacións para adaptalo pero o traballo de notas é vital. Había moitas combinacións posibles de cara a esa última proba, pero sabiamos que había que marcar o mellor tempo en polo menos dous tramos e saímos por iso. Saíunos ben e o abandono do rival máis directo facilitounos todo. Só tocounos conservar a mecánica ata o final", di Maceda á vez que valora a igualdade competitiva que encerran este tipo de competicións como a Copa Dacia. "É unha Copa monomarca, todo levamos o mesmo material e ese plus téñeno que pór os dous que van no coche", indica.

David F. Maceda acumula unha gran traxectoria desde os seus inicios, á beira de Antón Pérez Fojón. "Levo cinco anos neste mundo dos rallyes, 48 probas con seis pilotos e o balance é bastante positivo . Levo catro títulos, dous rexionais e dous nacionais, non me queixo do vivido en tan pouco tempo", asegura.

"Gustaríame seguir no Nacional, están a barallarse varias opcións para o ano que vén, como volver á Copa Suzuki"

De cara ao futuro, David F. Maceda non ten aínda nada pechado, pero si obxectivos e desexos. "Gustaríame seguir no Nacional. Barallamos varias posibilidades para o ano que vén, entre as que estaría volver á Copa Suzuki, pero de momento é pronto para saber o que se vai a facer. Tamén teño claro que un día me gustaría probar nos raid, chámame moitísimo a atención", sinala.

O lucense tamén valora o traballo do copiloto nun mundo no que sempre desde os medios enxálzase máis aos pilotos. "Parece que traballamos na sombra, tradicionalmente está mais valorado o traballo do que leva o volante", di David F. Maceda.

Maceda e Quijada: unha garantía de títulos
Comentarios