Festa de goles no Anxo Carro

201410121918_Lugo_Zaragoza_.JPG
photo_camera 201410121918_Lugo_Zaragoza_.JPG

CD Lugo e Real Zaragoza celebraron o día grande das súas respectivas festas patronais, que foi este domingo, facendo unha festa do fútbol: ata sete goles, un deles anulado, víronse no Anxo Carro lucense, onde os dous equipos finalmente empataron (3-3), nun partido da oitava xornada da Segunda División, Liga Adiante, do fútbol español.

E é que o choque tivo de todo, mesmo televisión xeneralista en directo. Houbo un penalti, un gol anulado, a expulsión dun adestrador (o visitante, Víctor Muñoz), dous tantos espectaculares do CD Lugo, unha remontada dos locais e un empate que chegou na última acción do encontro.

No que parece converterse nunha preocupante tradición, o CD Lugo encaixou un gol en casa antes do cuarto de hora. Ocorreu co Osasuna e volveu suceder este domingo, cando, nun alagado Anxo Carro (cuxo estado foi mellor ao final que ao comezo), Borja Gómez cometeu un penalti que o seu tocallo Borja Bastón encargouse de anotar. Era o minuto 12 e tocaba outra vez remontar. Empatou aos once minutos David López, ao executar de forma maxistral unha falta directa.

Bastón foi un auténtico pesadelo para os branquivermellos, e no 39 volvía adiantar aos zaragocistas.

A segunda parte viviu un intercambio de golpes entre os dous equipos. O árbitro anulou, de forma discutible segundo os maños, un gol ao Zaragoza. Na discusión posterior, o colexiado expulsou ao técnico visitante.

E no minuto 71 outra vez David López, pero esta vez de preciosa xogada persoal, devolvía a igualdade ao marcador. Chegaron entón os mellores minutos locais. Mesmo debutou David Aganzo, que no minuto 81 participou na xogada que culminou co primeiro gol de Luís Fernández, un disparo seco que o porteiro visitante non puido parar.

E cando toda a afección celebraba a vitoria, chegou o xerro de auga fría: unha falta que Willian José transformou no minuto 93, e á que José Juan non soubo responder.

Con este resultado, ambos os equipos seguen igualados, con 13 puntos, a dous dos postos de play off. O Zaragoza, un histórico do fútbol español, segue sen gañarlle a un CD Lugo que a semana próxima visita a outro conxunto con pasado europeo, o Alavés.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios