Unha etapa da Volta con moito sabor lucense

A xornada do mércores, de 204 quilómetros de percorrido, arrincará desde Lugo cara a Guntín, pasará por Lalín, regresará á provincia lucense e acabará en Ourense

O dispostivo en Lugo. EP

A cidade de Lugo acollerá este mércores o arranque da décimo cuarta etapa da Volta Ciclista a España 2020, unha proba de 204,7 quilómetros que contará cun esprint intermedio en Monforte de Lemos e con tres portos de terceira categoría como son o Alto de Escairón, o Alto de Guitara e o Alto de Abelaira.

Os corredores sairán de Lugo en dirección Guntín e, tras pasar por localidades como Monterroso, Antas de Ulla e Castro Amarante, meteranse na provincia de Pontevedra para chegar ata Agolada, Lalín e Rodeiro. Tras este breve traxecto pontevedrés, a etapa regresará á provincia lucense entrando por Chantada e o Ponte do Río Miño xusto antes de afrontar o primeiro porto de terceira categoría, o Alto de Escairón -preto de 14 quilómetros e unha altitude de 600 metros- e a chegada a Monforte cun esprint intermedio –ás 15.04 horas–.

Tras pasar Pantón, a proba canalizará o seu segundo porto de terceira categoría, un Alto de Guitara –15 quilómetros e 614 metros de altitude– que precede a entrada dos corredores, xa si, na provincia de Ourense. Desde aí iniciarán un percorrido que empezará polo Alto de Abelaira –o terceiro porto de terceira categoría da proba, de tres quilómetros e 410 metros de altitude– e que continuará por localidades e municipios ourensáns como Palmés, Padrobó, Trasalba, Outeiro, Untes e Barrio. Este será o último tramo que afronten os ciclistas antes de encarar a chegada, na propia cidade de Ourense e prevista entre as 16.55 e as 17.00 horas.

Perfil

DISPOSITIVO POLICIAL. Como en anos anteriores, a unidade de mobilidade e seguridade viaria da Garda Civil acompañará e protexerá a Volta durante todo o seu percorrido. Na etapa de mañá, 130 efectivos velarán pola seguridade da proba. Mobilizaranse un helicóptero, 60 motocicletas, 13 todoterreo, catro monovolúmenes, cinco furgóns, dous autobuses e un camión-cisterna.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios