domingo. 17.11.2019 |
El tiempo
domingo. 17.11.2019
El tiempo

O Breogán ten a escopeta encasquillada

Christian Díaz entra a canastra. XESÚS Ponche
Christian Díaz entra a canastra. XESÚS Ponche
O Leite Río presenta o segundo peor porcentaxe de tiros de tres en LEB Ouro

O Leite Río Breogán non superou a primeira proba verdadeiramente esixente do actual curso. Os breoganistas encaixaron a primeira derrota ante un Palencia que dominou con claridade o partido durante os corenta minutos.

Foron varias as causas que levaron aos de Diego Epifanio á derrota, entre outras que non foron capaces de manter nin a intensidade nin a continuidade defensiva dos dous encontros anteriores, permitindo que xogadores como Dani Rodríguez, Mingaugas Kacinas, Travis Bader ou Kevin Larsen estivesen a un moi bo nivel, non correspondido nas filas breoganistas. Tamén pesaron os doce rebotes ofensivos capturados polos de Carles Marco (a súa media nas dúas primeiras xornadas era de oito), pero sobre todo a diferenza no acerto dos tiros de tres puntos. O Chocolates Trapa Palencia estivo preto de anotar a metade dos seus lanzamentos (9/20; 45%), mentres que o Breogán quedou nun paupérrimo 26% (6/23).

Non é necesario recalcar a importancia que no baloncesto actual ten o lanzamento de tres puntos e o conxunto lucense está a mostrarse como un dos peores, ata o momento, da competición nesta faceta.

De feito, só o Leyma Coruña cun 26% de acerto (25/96) está a mostrarse máis desacertado que o conxunto lucense, que só anotou 21 canastras triplas logo de realizar 78 lanzamentos desde máis atrás da liña de 6,75 metros, polo que a súa porcentaxe de acerto é tan só do 26,9%, moi lonxe do 39,6% do Palencia ou do 37,8 do Mallorca.

A media da liga é de 24,3 lanzamentos triplos por encontro para anotar 7,8 canastras, un acerto do 32,4%.

A pesar, e tampouco hai que perdelo de vista, de que a tempada acaba de iniciarse e de que algúns xogadores aínda non alcanzaron a súa posta a punto, non deixa de sorprender o mal desempeño breoganista no lanzamento, cando teoricamente dispón de perímetro capacitado para resolver desde esas posicións. Nin a lesión de Ahonen, o mellor triplista da LEB Ouro na pasada tempada, serve para explicar tanto fallo ante o aro rival. O finlandés participou nos dous primeiros partidos de competición nos que lanzou cinco triplos para anotar nunha soa ocasión. E varios xogadores aínda non conseguiron anotar de tres puntos a pesar de habelo intentado, son os casos de José Nogués (0/5), Rauno Nurger (0/1), Alex Olah (0/4) ou Sergi Quintela (0/6).

Os mellores neste apartado están a ser Thomas de Thaey e Christian Díaz, ambos con catro triplos de nove lanzamentos (44%). Despois aparece Dago Pena cun 35% de acerto (6/17), Salva Arco cun 33% (3/9), o mesmo porcentaxe que Mateo Sánchez (1/3) e finalmente Mo Soluade cun 20% logo de anotar dous triplos de 10 lanzamentos.

Desde logo a melloría neste apartado do xogo vai ser fundamental para intentar sumar a terceira vitoria o vindeiro sábado ante o recentemente ascendido HLA Alacante. O equipo que dirixe Pedro Rivero gañou dous encontros, na súa pista fronte ao Canoe na primeira xornada (99-96) e en Melilla (66-83), e perdeu na pasada xornada fronte ao Mallorca (74-75).

Os alacantinos, son o segundo equipo, tras o Palencia, que menos utiliza o lanzamento triplo, con pouco máis de 18 intentos por partido para anotar 6 de media.

O Breogán ten a escopeta encasquillada
Comentarios