Unha escalada meteórica

Gabriel Polo consegue o ascenso á Autonómica Preferente con só 20 anos. O mozo, fillo e sobriño de colexiados, leva dirixindo encontros desde que cumpriu 14
Gabriel Polo, sobre el césped
photo_camera Gabriel Polo, sobre el césped

O Ribadeo e o Viveiro non serán os únicos representantes mariñáns no fútbol da Autonómica Preferente a próxima tempada. Tamén no colectivo arbitral deixarase sentir o sabor da comarca coa presenza do mozo Gabriel Polo Fraga, ascendido de categoría logo das boas sensacións que deixou a pasada tempada en Primeira Autonómica e noutras competicións de menor calado.

Con só 20 anos, Gabriel Polo únese a David Jiménez, o outro integrante do colectivo arbitral mariñán que dirixe partidos na antesala das competicións nacionais.

"Xoguei ao fútbol nas categorías inferiores, pero pensei que a mellor oportunidade de chegar a Primeira ou Segunda División era a arbitraxe"

Polo procede dunha familia de árbitros, xa que tanto o seu pai como o seu tío levan unha chea de anos dirixindo encontros. O mozo recoñece que acudir xunto ao seu pai, Juan Carlos, contribuíu á súa decisión de cambiar o rol de futbolista polo de árbitro, aínda que tamén esgrime outros motivos. "Xoguei ao fútbol en categorías inferiores, pero pensei que me gustaría participar en partidos de Primeira ou Segunda División e o xeito máis sinxelo podía ser a través da arbitraxe", asegurou o mozo, que leva dirixindo partidos desde os 14 anos logo de xogar nas categorías inferiores do Viveiro CF, co que chegou a participar na liga Galega.

Logo de dirixir con éxito partidos de categorías inferiores e de Primeira e Segunda Autonómica, Polo dá o salto a Preferente tras pasar unha serie de probas físicas e un exame teórico. "Algo si que me sorprendeu poder ascender, pero a verdade é que me preparei para intentalo. A parte máis complicada foi a teórica", afirmou Polo, que non se conforma co conseguido e espera seguir ascendendo categorías, aínda que é consciente de que terá que ir paso a paso. "Agora, en Preferente, vai haber persoas seguindo as miñas actuacións en cada xornada e ademais terei 4 ou 5 probas durante a tempada para que ou colexio de árbitros poda comprobar a miña evolución. Oxalá teña opcións de chegar a Terceira canto antes", afirmou.

"Ata agora non tiven problemas para compaxinar os estudos e o fútbol; espero que a partir de agora tampouco"

Polo estuda Enxeñería Informática na Coruña e asegura que, polo momento, compaxina sen demasiados problemas a arbitraxe coa súa situación académica. "Dende logo a miña intención é a de seguir coas dúas cousas, non espero ter problemas", sinalou Gabriel, que dirixirá case todas as semanas partidos de Preferente ou das diferentes ligas galegas.

Comentarios