lunes. 20.09.2021 |
El tiempo
lunes. 20.09.2021
El tiempo

Unha lesión produto dos adestramentos no confinamento frea a Adrián Ben

Generated by  IJG JPEG Library
Adrián Ben, durante un adestramento
O atleta sofre unha edema óseo no fémur da súa perna esquerda por correr en cinta e en asfalto na corentena

O atleta vivariense Adrián Ben deberá estar parado polo menos cinco semanas por unha edema óseo producido no fémur da súa perna esquerda. O corredor, que non quere nin escoitar a palabra "parar", explica que é unha lesión que se produciu durante o tempo de confinamento, "por estar dous meses traballando nunha cinta e facer series no paseo marítimo de Viveiro, que é beirarrúa", e confía en estar plenamente recuperado en pouco máis dun mes, aínda que, explica, quérello tomar con moita calma.

"É un hematoma no óso, unha venita que se rompeu por dentro e produce esa pequena lesión. Se segues dándolle cana pódese acabar rompendo o óso, porque é unha zona que agora mesmo está debilitada", explica o atleta.

As extraordinarias circunstancias que rodearon aos deportistas profesionais durante a pandemia do coronavirus obrigoulles a realizar a súa preparación física de todos os xeitos posibles, sen ser moitas delas as máis recomendables á hora de desenvolver un adecuado adestramento. A decisión de Adrián Ben de manter o seu estado físico nunha cinta de correr e, cando o estado de alarma permitiuno, no paseo marítimo da súa cidade, provocou que o atleta teña que reformularse o seu plan das próximas cinco semanas.

O mariñán utilizou as redes sociais, en concreto o seu perfil oficial de Instagram, para comunicar aos seus seguidores que o pasado martes recibiu os resultados da resonancia que se fixo en Lugo hai dúas semanas. "Hoxe (polo martes) foi un día duro, non en canto a esforzo, senón máis ben en canto a emocións. Logo de varias semanas adestrando cunha molestia na coxa esquerda, o resultado da resonancia mostra unha edema óseo no fémur que me terá cinco semanas sen correr", escribía.

Foi na pista Gregorio Pérez Rivera, en Lugo, cando o atleta vivariense notou a primeira molestia. "Hai dúas semanas, a primeira vez que fun, noteino un poquillo, como unha dor rara. Decidín descansar dous días pero vin que non pasaba e preocupeime, así que decidimos facer unha resonancia... e víase bastante claro", explica.

Cinco son as semanas que Adrián Ben estará sen correr, pero non significa que o atleta suspenda a súa preparación física. Segundo indica, aproveitará todo este tempo para mellorar noutros aspectos, facer traballo de ximnasio e bicicleta, co obxectivo de, en dúas semanas, "empezar a meter un pouco de elíptica, pero con moita calma, non teño présa porque xa era unha tempada rara, así que agora non penso forzar nada", di. O seu obxectivo é que o próximo ano "sexa moito mellor, así que agora con tranquilidade".

O mariñán tiña previsto viaxar a Madrid esta semana pero aprazou a viaxe ata os primeiros días de xullo, data na que abrirán os servizos médicos da residencia Blume, o centro de alto rendemento da capital de España. "Mentres, estarei en Viveiro co meu fisio de confianza, Rubén Baltar", di.

A lesión afecta ao Challenge 500 co palentino Óscar Husillos que Ben anunciou o pasado mes e que tería lugar a finais de xullo. "Estamos a falalo, non sabemos se aprazalo para máis tarde ou cancelalo. En próximos días decidímolo", finalizou.

Unha lesión produto dos adestramentos no confinamento frea a Adrián...
comentarios