Julio Delgado asegura que o Burela FSF "aínda non alcanzou o seu teito"

O técnico do equipo mariñán dedicou o triunfo á afección
Proc/JFIF/EFE-Calidad:Excelente
photo_camera Julio Delgado, durante a final. EFE

A alegría desbordouse o domingo sobre a pista e no vestiario do Pescados Rubén Burela FSF logo de conquistar no pavillón Martín Carpena, en Málaga, o seu terceiro cordón ligueiro da Primeira División feminina de fútbol sala.

O adestrador do conxunto burelense, Julio Delgado, cualificou como "unha felicidade inmensa" a consecución do título, "sobre todo polas xogadoras" e por todo o que pasaron nunha tempada moi complicada. "Salvo catro xogadoras galegas, o resto son de fóra e incluso algunhas doutro país, polo que o pasaron mal estando todos estes meses lonxe da súa familia. Por iso, se cabe, alégrome máis de que teñan esta recompensa", afirmou o técnico.

Delgado admitiu que o xogo non foi o que lle gustou. "Pensei que estabamos moito mellor, pero está claro que o ritmo de competición adquírese con partidos e a verdade é que nos custou moitísimos. Estivemos moi espesas, lonxe do nivel que temos", asegurou o técnico, que tamén felicitou ao rival. "Púxonolo difícil, puido caer para calquera lado, está claro que lle veu moi ben xogar o venres a semifinal", afirmou.

Respecto do que significa o título, Delgado sinalou que "empezamos un proxecto para intentar gañalo todo e estámolo facendo, este equipo non ten teito. Queremos dedicarllo á nosa afección, que nos espere que temos unhas ganas inmensas de celebralo con eles".

RAMIRO FERNÁNDEZ.  O concelleiro de Deportes de Burela, Ramiro Fernández Rey, animou en Málaga ao equipo e mostrouse orgulloso. "Penso que a xente de Burela ten que sentirse feliz e orgullosa co que está facendo este club, e non so falo dous éxitos deportivos, senón tamén na súa loita pola igualdade", sinalou.

Fernández Rey tamén quixo felicitar ás xogadoras por darlle á afección felicidade en momentos complicados. "A Mariña está vivindo momentos moi duros e necesita alegrías. Estas rapazas están levando ou nome dá comarca por toda España".

Comentarios