Epifanio: "O nivel de esforzo está fóra de toda dúbida"

O adestrador do Breogán mostrouse satisfeito co traballo que realizaron os seus xogadores ante o Ourense
Diego Epifanio. EP
photo_camera Diego Epifanio. EP

O técnico do Breogán, Diego Epifanio, mostrouse contento coa vitoria do seu equipo e o gran traballo dos xogadores. "Empezamos outra vez moi ben, o equipo defensivamente está a saír moi ben, focalizando o obxectivo, moi mentalizado nas situacións do rebote e iso permitiunos correr. Nun momento, o rival parounos no segundo cuarto, pero nos imos moi contentos por gañar os catro cuartos, moi ben no apartado estatístico e cada vez os xogadores entenden máis cales son os seus puntos fortes para axudar ao equipo. é para estar moi contento deste final de ano e agora descansar e a partir do luns prepararnos para o duelo ante o Lleida", dixo.

O adestrador do cadro lucense insistiu no esforzo de todo o grupo. "O nivel de esforzo dos xogadores está fóra de toda dúbida, os xogadores están unidos e o grupo traballa moi ben, aínda que ás veces saen as cousas e outras non, pero cada xogador está a achegar e subindo o nivel. O equipo sempre tivo nivel de esforzo, todos os xogadores viñeron ao Breogán con fame", indicou Diego Epifanio.

Finalmente, o técnico congratulouse do paso adiante no xogo interior e o rebote. "O noso xogo interior estivo minguado polas lesións e tamén había problemas no rebote, pola ansia de gañar e de poder traballar todos xuntos, pero nas dúas últimas semanas tivemos sesións de doce xogadores e iso permítenos dar pasos adiante no rebote e na defensa" á vez que falou sobre a posible continuidade de Gavrilovic. "O seu traballo está a ser excelente e encaixou moi ben no vestiario, se segue no equipo perfecto, se ten que saír pois moi agradecidos. O club valorará as opcións que hai", comentou.

GONZALO GARCÍA. O técnico do Ourense, Gonzalo García, recoñeceu que o equipo se caeu na segunda metade. "Non podes tapar todo do rival, tivemos que ceder algo e Gavrilovic e Powell fixéronnos dano. Na segunda parte déronnos un repaso, sacáronnos da pista e estivemos ausentes ante un rival que ten moita capacidade no tiro de tres puntos", dixo.

Comentarios