O Ensino pecha o equipo coa continuidade de White

O equipo lucense é, xunto ao Perfumerías Avenida, o que confirmou máis xogadoras de cara á próxima tempada
undefined
photo_camera Chatrice White leva o balón nun encontro da pasada tempada. ÁREA 11

O Durán Maquinaria Ensino fixo oficial este martes a continuidade da xogadora interior Chatrice White, coa que o equipo lucense ten, salvo imprevisto, pechado o conxunto que competirá a próxima tempada na máxima categoría do baloncesto nacional feminino.

Como xa anunciou este xornal o pasado día 27 de abril, Chatrice White é unha das xogadoras do Durán Maquinaria Ensino que vai seguir do bloque da tempada pasada e aí únese a Natalie van den Adel, Alba Prieto, Helena Oma e Laura Aliaga. Estas xogadoras conforman a continuidade no proxecto co cambio do banco de Carlos Cantero a Miguel Ángel Ortega.

No capítulo de novidades, as fichaxes do Durán Maquinaria Ensino foron María Eraunzetamurgil, Marina Lizarazu, Tamara Abalde, Georgina Bahí, Sofía da Silva e Alessandra Orsili.

En total serán once xogadoras que estarán ás ordes dun técnico experimentado como Miguel Ángel Ortega. Todo nun proxecto deportivo que está pendente da confirmación federativa de que poderá participar o próximo ano na Eurocup Women, segunda competición europea. Hai que que recordar que os lucenses fixeron xa a inscrición para participar neste torneo e agora falta a aprobación federativa, pero todo fai indicar que vai ser positiva, co que o equipo afrontaría un calendario esixente e por iso o feito de ir a un equipo amplo e con recursos.

O cadro lucense é, xunto ao Perfumerías Avenida, o conxunto que confirmou máis xogadoras de cara á próxima tempada e así van moito máis avanzados que outros conxuntos que aínda están pendentes de pechar novidades. O Ensino, como o ano pasado, fixo moi rápido os deberes neste apartado de construír o novo persoal.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios