O Ensino cede ante o potente Baxi Ferrol

O conxunto lucense resistiu o primeiro cuarto, pero sucumbiu ante a intensidade do conxunto ferrolán

Las lucenses sellaron una campaña redonda con su victoria ante el Gran Canaria. ENSINO
photo_camera Xogadoras do Ensino. ENSINO

O Durán Maquinaria Ensino cedeu este venres por 80-64 ante o Baxi Ferrol nun encontro de pretemporada disputado nas Pontes e que mediu aos dous equipos que representarán a Galicia a próxima tempada na liga Feminina. O conxunto lucense mostrouse inferior a un conxunto que demostrou que leva máis rodaxe e preparación, algo que fixo valer a medida que foron pasando os minutos.

As lucenses, que non puideron contar finalmente con Fiona Ou'Dwyer por lesión, comezaron ben o choque e incluso estiveron por diante durante o primeiro cuarto. Con todo, no segundo cuarto todo deuse a volta, cun conxunto ferrolán que apertou moito en defensa e que provocou que chegasen os erros e a precipitación no conxunto adestrado por Juan Nécega.

As ferrolás tomaron o mando no xogo para chegar ao descanso cunha vantaxe de dez puntos (47-37). Todo nunha primeira metade na que o Ensino tivo algúns problemas coas faltas e viu como o seu rival forzaba moitas situacións cerca do aro e facía valer o seu acerto para abrir brecha no marcador.

A segunda metade mostrou un encontro que seguiu pola mesma dinámica, cun conxunto ferrolán superior e un Ensino con problemas para anotar e que non tivo un día moi acertado. Nos últimos minutos, o equipo lucense reduciu algo as diferenzas no marcador, pero o choque tivo clara cor por parte do Baxi Ferrol, que fixo valer o feito de levar máis rodaxe fronte a un Ensino que tivo o seu primeiro amigable ante un equipo da mesma categoría.

Ademais, este venres fíxose oficial que o Baxi Ferrol será o organizador da Copa Galicia de baloncesto feminino, que terá lugar entre os días 28 e 30 deste mes. O equipo ferrolán e o Ensino xa ten a clasificación directa para as semifinais como representantes da máxima categoría. O Ensino xogará o seu partido de semifinais o día 28 desde as 18.00 horas, e o anfitrión farao a partir das 20.15 horas. A final será o domingo (12.00).

Comentarios