sábado. 04.04.2020 |
El tiempo
sábado. 04.04.2020
El tiempo

No peor momento

Ahonen bota o balón ante Jorge Sanz durante o partido de Oviedo. ÁREA 11
Ahonen bota o balón ante Jorge Sanz durante o partido de Oviedo. ÁREA 11
O Breogán segue á espera de coñecer o diagnóstico da lesión de Ahonen, que estará de baixa tres semanas no escenario máis optimista
 

Roope Ahonen centra as preocupacións no Leite Río Breogán. O escolta finlandés só puido estar en cancha o pasado fin de semana en Oviedo durante oito minutos ao lesionarse nun xeonllo. Aínda non se coñece o alcance da lesión, aínda que as radiografías realizadas nun hospital de Oviedo parecen descartar unha rotura ósea na articulación aínda que se detecto líquido. De todos os xeitos, o diagnóstico definitivo coñecerase tras os resultados da resonancia magnética á que será sometido na mañá deste martes.

A esperanza dos técnicos breoganistas é que se confirme que non hai afectación do menisco nin tampouco dos ligamentos porque isto podería levar a unha baixa de longa duración. Pero tamén existe o convencemento de que desde unha óptica optimista o escolta estará de baixa polo menos durante tres semanas.

Ningunha lesión chega nun bo momento, pero a de Ahonen faio nun tramo de calendario complicado. O Leite Río Breogán xa se viu privado, na práctica, do seu concurso no partido de Oviedo, no que Mo Soluade —o outro xogador que atravesaba por mellor momento do equipo— tivo que saltar á cancha nunhas condicións físicas moi pouco apropiadas —con analxésico para evitar a dor— e case sen poder levantar o brazo dereito polo golpe que lle afectou o ombreiro.

En principio non haberá problemas para que Diego Epifanio poida contar con Soluade ante o Palencia

A evolución do base británico é positiva e parece que en principio non haberá problemas para que Diego Epifanio poida contar con el o vindeiro sábado ante o Palencia (Pazo dos Deportes, 19.00 horas).

Outra cousa é o caso de Ahonen, que será baixa segura —xa o foi na primeira volta ante o conxunto palentino— e máis que probablemente perderase tamén, e como mínimo, os seguintes encontros fronte ao Alicante no Centro de Tecnificación da capital alacantina, e en Lugo ante o actual líder da competición, o Carramimbre Valladolid. O xogador e o Breogán poderían verse beneficiados, pensando na súa recuperación, polo parón da liga que se producirá tras o partido ante o Valladolid e antes de xogar en Cáceres.

Roope Ahonen , a pesar dos problemas físicos cos que empezou a tempada, é o xogador máis utilizado por Diego Epifanio con algo máis de 21 minutos de presenza na cancha. Tamén é o segundo anotador do equipo, despois do dominicano Dago Peña, cunha media próxima aos dez puntos, e o mellor triplista. O finlandés, que acabou como o mellor tirador de tres da LEB Ouro cando a tempada pasada militaba no Oviedo, leva esta tempada un total de 41 canastras de tres logo de realizar 89 lanzamentos, o que deriva nunha porcentaxe de acertos do 46%.

No peor momento
Comentarios