O Emevé anuncia a fichaxe da internacional canadense Cassie Bujan

O director deportivo do club lucense, Juan Villar, destacou que a nova incorporación "será a encargada de dirixir todo o noso xogo defensivo"

Cartel de presentación de Cassie Bujan. CV EMEVÉ
photo_camera Cartel de presentación de Cassie Bujan. CV EMEVÉ

O CV Arenal Emevé, da liga Iberdrola, anunciou este martes a incorporación da internacional canadense Cassie Bujan.

A xogadora norteamericana, de 24 anos e que actúa na posición de líbero, afrontará a súa primeira experiencia en Europa e é o terceiro reforzo confirmado polo equipo que adestra José Valle tras as incorporacións da estadounidense Audrey Alford e a catalá Carla Jiménez

Bujan é internacional polo seu país e alcanzou coa súa selección os cuartos de final nos pasados Xogos Mundiais Universitarios. O Emevé comunicou este martes na a súa conta de Instagram que a canadense é "un reforzo de luxo que dará un punto máis de espectacularidade" ao xogo do equipo e que deparará "momentos inesquecibles".

Ademais, o director deportivo do club lucense, Juan Villar, destacou que Bujan "é unha xogadora nova aínda que con gran experiencia" e que coa súa fichaxe pretenden "dar un salto de calidade na defensa do equipo", pois "será a encargada de dirixir todo o noso xogo defensivo, toda a nosa recepción". "Tennos que dar a pausa e a calma que necesita o noso equipo, que peca un pouco de mocidade e pode porse nervioso neste tipo de xogadas", concluíu no comunicado publicado este martes.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios