Eloy Jiménez augura un derbi "de poder a poder" e sen favorito

O Lugo afronta o partido contra o Deportivo coas baixas seguras de Canella, Borja Domínguez e Gerard Valentín
Eloy Jiménez. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Eloy Jiménez. VICTORIA RODRÍGUEZ

Eloy Jiménez, adestrador do Lugo, está convencido de que se xogará un partido de "poder a poder" e sen favorito o domingo contra o Deportivo na décimo oitava xornada de LaLiga SmartBank. "Nós temos que intentar ser dominadores, como sempre o dixen, pero ás veces non puido ser. Creo que vai ser un partido de poder a poder, no que os dous equipos se van a querer impoñer e nos derbis non hai favorito", analizou este venres en rolda de prensa.

O técnico advertiu de que "o que baixe un pouquiño os brazos" se vai ver superado e admitiu que a intención do seu equipo é aproveitar o delicado estado anímico dos deportivistas, pechacancelas de Segunda División con once puntos tras enlazar dezaseis partidos sen gañar.

"O Deportivo ten capacidade para xogar de diferentes xeitos e creo que non vai renunciar ao balón porque ten xogadores para iso. Vai ser un partido moi aberto e o balón parado tamén pode ser fundamental", sinalou. "Nós temos que afrontar o partido a tope desde o minuto cero. Ser agresivos, pero tamén agruparnos e defender porque te poden penalizar. Valentes ao ir arriba, pero tamén defender", abundou.

Jiménez considerou que o partido "ten moitos condicionantes" a nivel motivacional, entre eles, a historia dun rival que está en horas baixas. "Os que tivemos sorte de xogar derbis, sabemos o que representan para as afeccións. O Deportivo sempre foi un señor equipo e motiva a todo o mundo. Estes son partidos especiais e temos que intentar sacalo", dixo.

Do conxunto branquiazul, subliñou que non é "calquera equipo", porque se trata dun "histórico que non está en bo momento, que non empezou ben, pero que ten bos xogadores, con argumentos futbolísticos e técnicos".
 

Canella, Borja Domínguez e Gerard Valentín, baixas seguras 
O Lugo non poderá contar no encontro deste domingo ante o Deportivo con Roberto Canella, Gerard Valentín e Borja Domínguez, baixas por lesión que se suman ás dos dous lesionados de longa duración Antonio Campillo e Hugo Rama.

O técnico branquivermello confirmou que o centrocampista Borja Domínguez, cunha lesión muscular, podería estar á súa disposición a semana que vén, na que o Lugo se medirá ao Xirona en Montilivi, pero non no duelo co Deportivo. Polo mesmo motivo, tampouco poderá contar co lateral esquerdo Roberto Canella, que estará outras "dúas-tres semanas" de baixa.

Gerard Valentín, que milita no Lugo cedido polo Deportivo e que non podería xogar o partido por contrato, está "no tramo final da súa recuperación" dunha lesión muscular, segundo explicou o adestrador.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios