Por que pouco...

Non puido ser. A Universidade de Burgos converteuse, tras imporse ao Xacobeo 2010 Ribeira Sacra por 2-3, no primeiro finalista da XXXV Copa da Raíña. O conxunto monfortino realizou un partido inmenso e estivo a un punto de alcanzar un fito histórico e de facer feliz a unha afección que encheu este sábado o pavillón municipal da Pinguela e engalanouno cun ambiente espectacular. O equipo monfortino acabou terceiro a competición.

O Xacobeo 2010 Ribeira Sacra abriu o pano do encontro regalando ao seu público o primeiro set do partido. O conxunto de Hugo Gotuzzo saltou moi concentrado á pista e conseguiu chegar ao primeiro tempo técnico con vantaxe de 8 a 7. As monfortinas mostráronse serias en recepción, notables no bloqueo, e con desenvoltura no ataque, faceta na que volveu destacar Silvana Olivera.

Así, aos poucos, os locais foron abrindo as primeiras distancias no marcador (19-15 ou 22-19). Nese instante, a Universidade de Burgos apertou os dentes e aproveitou un pequeno desconcerto das xogadoras galegas para igualar a contenda a 22. Con todo, a súa reacción non foi suficiente, un remate de Silvana Olivera e outro de Mariana Alves, que se marchou directamente fóra, outorgaron a primeira manga ao Xacobeo 2010.

Desde o saque inicial da segunda escena do partido, a Universidade de Burgos deixou claro que o segundo set ía ser outra historia. As pupilas de José Miguel Pérez sempre viron polo retrovisor aos seus opoñentes. Ao primeiro tempo técnico chegouse con 6-8 e, ao segundo, con 12-16. As vantaxes oscilaron entre os dous e os catro puntos favorables ás castelás.

O Ribeira Sacra reaccionou e chegou a deixar o xogo en 19 a 20. Con todo, un carrusel de erros no saque, especialmente ao lado monfortino, e unha bóla que caeu con neve sobre a pista local sentenciaron o xogo (20-25).

No terceiro set apagóuselle a luz á Universidade de Burgos e volveu brillar a do Xacobeo 2010 Riberia Sacra encabezado pola actuación estelar da serbia Sevarika. O cadro castelán conseguiu marcharse ao primeiro tempo técnico con vantaxe dun punto, 7-8. A partir do descanso, as mozas de Hugo Gotuzzo saltaron envalentonadas á pista e desbordaron ao seu rival en todas as facetas do xogo ante o delirio dunha repletísima bancada. O 16-11 fixo presaxiar a vitoria parcial das monfortinas que, non defraudaron aos seus e culminaron un gran set impóndose por 25 a 18.

A emoción retornou ao pavillón municipal da Pinguela no cuarto set. Co público envorcado co seu equipo como nunca e ante un ambiente histórico, Universidade de Burgos e Xacobeo 2010 non defraudaron. O marcador foi unha continua alternancia con distancias mínimas para chegar á recta final con empate a 23. Con todo, dous erros das monfortinas propiciaron a igualada a dúas, 23-25.

Para finalizar, o tie break, un quinto set que puña a proba os corazóns dos afeccionados que abarrotaban A Pinguela. Ante un balbordo ensordecedor, ante dúas afeccións enfervorecidas, crendo na vitoria dos seus equipos, de novo a épica e a tensión instaláronse na pista. Primeiro dominaron as castelás, máis tarde fixérono as monfortinas, que conseguiron pór no marcador o 14 a 13 ao seu favor. Únicamente faltou un punto para entrar na historia, porque a Universidade de Burgos sumou os tres seguintes e obtivo o pasaporte para a final..

A xogadora do Burgos Soraya de Fraga, con 20 puntos, foi a máxima anotadora do partido. Mentres que Silvana Olivera polos locais e Regina Miloserdova polas universitarias foron as mellores do partido.

Cuarta final para o CAV Murcia
O CAV Murcia 2005 xogará este domingo ante a Universidade de Burgos a final da XXXV Copa da Raíña logo de imporse con autoridade por tres xogos a cero ao Jamper Aguere, sendo a súa cuarta final consecutiva, tras gañar as tres anteriores. O conxunto preparado por Hilarión González cumpriu co seu papel de favorito do torneo, aínda que sufriu máis do previsto para facerse coa primeira e a terceira manga do encontro.

O Murcia 2005 apuntouse o primeiro xogo do partido. O equilibrio na pista foi a nota dominante do set. Con empate a 23 chegouse á recta final da manga. O CAV Murcia tivo que esperar aos catro puntos de set para apuntarse a rolda inicial (29-27).
Os ecos do final da escena anterior resoaron na segunda. Coa inercia positiva coa que finalizou o xogo anterior, o Murcia pasou por encima do seu rival e chegou ao primeiro técnico con vantaxe de catro puntos (8-4).

As diferenzas incrementáronse ata os nove no segundo parón (16-7). O set finalizou cun contundente 25-13.

O Jamper Aguere saltou á cancha en busca do último esforzo. O conxunto de Ambrosio González conseguiu manter certa chegar ao segundo tempo técnico con dous tantos de vantaxe (14-16). Con todo, un par de arreones das xogadoras murcianas marcaron o camiño ou cara á final (27-25).

A máxima anotadora do partido foi Priscila Rivera con 22 puntos, mentres que a xogadora do Jamper Aguere, Jasmina Hernández obtivo 22. Así, o Jamper Aguere, primeiro clasificado da liga regular, ten que conformarse coa cuarta praza desta Copa da Raíña.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios