O Xacobeo 2010 busca unha fazaña na Copa da Raíña

A cidade de Monforte está preparada para vivir desde este xoves 25 catro días intensos do mellor voleibol feminino coa disputa da Copa da Raíña, pola que van loitar oito equipos, os oito mellores, os mesmos que inmediatamente logo desta competición van disputar os play off polo título de Liga. En xogo, ademais do prestixio que dá adxudicarse un título, estará unha praza para disputar a liga Europea CEV a próxima tempada.

O equipo organizador do torneo, o Xacobeo 2010 Ribeira Sacra, ten postas todas as súas ilusións no partido de cuartos de final que lle enfronta este xoves (20.30 horas) co Oxidoc Palma. O equipo monfortino intentará que non se repita a historia da Copa do 2004, que tamén se celebrou en Monforte, e na que o equipo organizador caeu no debut. Moitas esperanzas depositaron as monfortinas no torneo tras o seu renacemento nesta tempada, na que pasaron máis dun par de xornadas de pelexar polo descenso a lograr a salvación e clasificarse para play off. As últimas incorporacións, Silvana Olivera, Vesna Jovanovic e Natasa Sevarika, e sobre todo a súa xogadora franquía, a internacional Noelia Sánchez terán nas súas mans o futuro do equipo monfortina ante unha afección con fame de fazañas.

O técnico arxentino do Xacobeo, Hugo Gotuzzo, podería sacar inicialmente un sexteto formado por Silvana Olivera, Vesna Jovanovic, Aline Galán, Natasa Sevarika, Sara Sarmiento e Noelia Sánchez —o mércores 24 anunciouse que entra na preselección española— con Laura Naranjo de líbero. Complétase o equipo con Rebeca Kruse, Mari Carmen Giménez, Elvia García e Mónica Álvarez.

Pola súa banda, o Oxidoc Palma chega como un dos tapados, tras obter a última praza para o torneo copeiro. As pupilas de Pascual Saurín poden ser unha das sorpresas da competición, xa que se atopa no lado máis alcanzable do cadro e conta cunha das xogadoras máis destacadas do campionato, a central Vita Prychepa. Se a ucraína atópase a bo nivel e a colocadora Sara Pérez mantén a súa inspiración, as baleares terán moito que dicir.

O sexteto inicial da Palma pode estar formado por Marcilene Costa, Sara Pérez,Vita Prychepa, Bianca Moreira, Silvia López, Carla Dias e a líbero Gemma Capel.

Gotuzzo, optimista
O adestrador do Xacobeo, Hugo Gotuzzo confía en que as súas xogadoras sigan na boa tónica das últimas xornadas ligueiras. "Son optimista e confío en pasar a semifinais", sinala Gotuzzo. Sen dúbida que superar os cuartos de final sería un fito para o Xacobeo. Sinala o técnico arxentino que "nesta ocasión van estar en Monforte os oito mellores equipos da liga" e aínda que ve ao equipo de Murcia "como favorito" nunha competición por eliminatorias "todo pode pasar se tes un mal día".

A boa noticia para Gotuzzo é que ten ás once xogadoras do persoal dispoñibles para esta recta final da tempada.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios