O Vilalbés ofreceu a súa mellor cara pero non puido co Rácing de Ferrol

O Rácing Vilalbés non puido dar a sorpresa da xornada e foi batido (1-2) polo Rácing de Ferrol na que foi a súa terceira derrota consecutiva na Magdalena e a quinta sen gañar en casa. A pesar de perder o encontro, os chairegos melloraron a súa imaxe con respecto aos últimos partidos ante a súa afección e, por momentos, tutearon a un equipo que está chamado a loitar polo primeiro posto no grupo I de Terceira División.

O conxunto ferrolán empezou forte e, cando aínda non se cumpriu o primeiro minuto de partido, xa dominaba no marcador. Felipe aproveitou un segundo rexeite nun saque de esquina lanzado por Curro para pór por diante aos visitantes no que foi o gol máis temperán do que vai de tempada.

O Vilalbés lonxe de amedrentarse foi ao polo empate, consciente de que aínda quedaba practicamente todo o partido por diante. Os locais recuperaban con facilidade os balóns no medio do campo e crearon presión na área rival.

Un cabezazo de Dani nun lanzamento de falta de Pablo Vivero que se foi alto por pouco e unha gran xogada individual de Adrián na que Paco rexeitou o balón cos puños puxeron en aprietos aos visitantes.

O xogo nivelouse de novo e Sergio enviou o balón rozando o poste nun tiro afastado, mentres
que os locais reclamaron un penalti por derriba de Adrián na área antes de que Pablo Viveiro lanzase unha falta (min.32). Minutos despois, Marcos centrou desde a banda dereita e Poratti empuxou o esférico ao fondo da rede, para pór o 0-2 no marcador.

O primeiro cuarto de hora da segunda parte foi de dominio ferrolán, que dispuxo de ocasións claras e incluso viu como o colexiado anulaba un gol a Felipe por fóra de xogo (min.59).

O Vilalbés cría no empate e Pablo Viveiro encarou a Paco cun tiro cruzado, pero o balón foise rozando o poste. Os locais seguiron apertando e viron o froito do seu traballo cando o colexiado sinalou un penalti por man de Aira na área. Félix foi o encargado de materializalo no minuto 84 e aínda tivo outra ocasión de gol máis antes do final do partido.

Comentarios