O último partido de Liga do Lugo, o sábado 8 ás sete

ponferradina+Lugo-001.jpg
photo_camera ponferradina+Lugo-001.jpg

O último partido de Liga do CD Lugo desta tempada comezará ás sete da tarde do sábado 8 de xuño no Ángel Carro, segundo os horarios anunciados este xoves pola liga de Fútbol Profesional (LFP). Será un dos seis ou oito partidos da cuadraxésima segunda xornada da liga Adiante nos que haberá algo en xogo e, xa que logo, terá horario unificado. O que se xoga algo neste caso é o rival do Lugo, a SD Ponferradina, que ten opcións de participar no play off de ascenso á máxima categoría do fútbol español.

Tamén comezarán ás sete da tarde os partidos Recreativo-Huesca e Rácing-Hércules, decisivos para o descenso, e os choques Alcorcón-Sabadell, Xirona-Real Madrid Castela e Vilarreal-Almería, nos que se xogan prazos de ascenso. A LFP tamén fixou inicialmente para as sete da tarde outros dous partidos, o Mirandés-Spórting e o Murcia-As Palmas, pero podería darse o caso de que ese 8 de xuño xa non teñan incidencia na clasificación final. Iso ocorrería no caso de que na xornada deste próximo sábado Mirandés e Murcia descendan xa matematicamente e o As Palmas quede sen opcións de play off.

A xornada en Segunda complétase con outros tres choques, sen incidencia na clasificación, cuxo horario aínda non foi decidido: Numancia-Córdoba, Elxe-Guadalaxara e Xerez-Barcelona B.

XOGO LIMPO

Precisamente, o Barcelona B é o equipo que encabeza a clasificación do premio Xogo Limpo, que distingue ao equipo con menos sancións.

A filial do Barcelona marcha primeiro na liga Adiante, con 97 puntos; seguido polo Xirona (104) e o CD Lugo (117).

En Primeira División, tamén está primeira a entidade blaugrana, pois o Barcelona suma 74 puntos. Detrás marchan o Valladolid (88) e a Real Sociedade (98).

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios