Como mínimo, a tranquilidade

201404191854_Lugoee__PON899.JPG
photo_camera 201404191854_Lugoee__PON899.JPG

O CD Lugo obtivo este sábado unha vitoria ante a Ponferradina que, máis aló do avultado (3-0), ten moitos significados: o primeiro é a tranquilidade, porque sitúa ao equipo a un punto dos 50 que, dise, garanten a permanencia unha tempada máis en Segunda División.

Pero o 3-0 tamén permite aos lucenses engancharse a un soño, pondo as súas miradas nunha fase de ascenso á máxima categoría do fútbol español que, en principio, non era o obxectivo inicial dos branquivermellos.

A claridade da vitoria non oculta o axustado que foi o choque: os leoneses apertaron, pero sen efectividade. En cambio, o Lugo marcou un primeiro gol con algo de sorte, un segundo nunha exhibición de colocación e un terceiro espectacular.

O primeiro tanto serviu para abrir a lata visitante no que algúns denominan 'o derbi dos Ancares'. Sergio Rodríguez estreou o seu marcador co Lugo cun tanto case coa cara. Era o minuto 29.

Na segunda metade, os de Ponferrada seguiron achegándose á meta de José Juan, pero sen perigo. No 68, unha indecisión do porteiro e a defensa visitantes permitiu a Iago Díaz, colocado no lugar preciso no momento preciso, ampliar a vantaxe local, tras unha longa xogada.

E cando xa se daba por bo o 2-0, Rennella aproveitaba un grandísimo pase en profundidade para certificar o 3-0, o segundo da tempada en casa (o outro foi contra As Palmas, en setembro).

Comentarios