O Lugo advirte dun timo relacionado coa venda dunha revista non oficial

O CD Lugo advertiu este venres mediante un comunicado oficial da existencia dun posible timo no que se emprega o nome e a imaxe do club para conseguir diñeiro de xeito fraudulento. Desde o conxunto branquivermello informouse da venda dunha revista supostamente vinculada ao equipo a cambio dun depósito de diñeiro cobrado en efectivo e que os responsables desta acción ilícita afirmaban sería utilizado para beneficio do club.

O Lugo descubriu este timo nos últimos días e apresurouse a solicitar información e colaboración de calquera que o puido sufrir, así como daqueles que reciban unha chamada dos supostos estafadores ofrecéndolles este produto fraudulento.

Desde o club do Ángel Carro asegúrase que o Lugo non ten nada que ver con ningunha revista oficial e que só conta como publicación oficial e permitida co xornal que se distribúe gratuitamente no estadio sempre que o equipo xoga en casa.

O emprego sen autorización do escudo do club para o seu uso publicitario é outro dos usos que o Lugo podería denunciar, xa que o escudo é unha marca rexistrada que só pode ser empregada por persoas ou entidades alleas no caso de que o equipo de permiso para iso. Desde o Lugo advírtese que se pasará a denunciar formalmente calquera uso da súa imaxe sen que exista un acordo previo.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios