O CAV Murcia, primeiro semifinalista

O CAV Murcia converteuse este xoves, con relativa facilidade, no primeiro equipo que logra o pase ás semifinais da Copa da Raíña de voleibol, que se disputa en Monforte. No primeiro partido da competición, as murcianas impuxéronse por 3-0, en pouco máis dunha hora, ao Valeriano Allés Menorca, por 25-20, 25-17 e 25-21.

O CAV Murcia 2005 demostrou desde o inicio que viña disposto a reeditar a coroa copeira que ten en posesión desde fai tres campañas e non deron opción ás menorquinas. Ana Ibis Fernández, con 20 puntos, foi a maior anotadora murciana.

Agora, o Murcia, que terminou a liga regular como quinto clasificado, espera ao gañador do partido que disputarán este venres os CV Praia das Canteiras e o Jamper Aguere. Esta semifinal disputarase o sábado, ás 20.30.

Comentarios