Paso de xigante o dado polo Burela FS de face a clasificarse para a fase de ascenso a División de Honra. Na cancha máis difícil da categoría os laranxas realizaron o seu mellor encontro no que vai de campionato, vencendo este sábado con contundencia ao Talavera, todo un campión de Europa, por 3-6 nun moi bo partido dos homes de Suso Rei.
A xornada ten o dobre de valor, ademais, debido ás picadas do Illescas e do Gáldar, de forma que agora os laranxas dispoñen dunha vantaxe de seis puntos sobre o primeiro equipo fóra da zona de ascenso e, ademais, no seu haber contan cun partido menos. O Burela ascende con estes resultados ata a segunda praza.
O pavillón Primeiro de Maio rexistrou unha boa entrada para ver a dúas dos mellores conxuntos da categoría, como se demostrou polo alto nivel de xogo sobre a pista. O primeiro tempo foi o máis igualado, pero a forte defensa laranxa impedía os ataques locais con bastante solvencia. A presión e o control do xogo que exercía o Burela deixar notar cando no minuto 15 Javi Rodríguez anotaba o primeiro tanto do partido, co que se chegou ao descanso.
Segunda parte
A continuación significou a explosión dos mariñáns, que en dous minutos colocábanse cun claro 0-4 grazas aos goles de Minu, Javi Rodríguez e Juamna. O dominio do Burela FS era total, pero os locais espertaron con tantos de Joan e Da Corda.
O Talavera xogou con porteiro xogador, o que serviu para que os de Suso Rei ampliasen a conta e levasen os tres puntos.