
A derrota sufrida en Santiago ante o Obradoiro non pode embazar a excelente primeira volta realizada polo Río Breogán. O pasado domingo, o equipo, que na esta ocasión dirixiu Oriol Comas, realizou o seu peor partido do ano. Sen buscar xustificacións á xusta e traballada vitoria dos locais, ao Breogán púidolle pasar factura, en primeiro lugar, os tres esixentes partidos xogados durante a semana pasada e que puideron pesar en exceso, sobre todo se se ten en conta as curtas rotacións realizadas durante toda a tempada pero especialmente nestes partidos. Tamén, o feito de que en dúas semanas o equipo sexa dirixido por tres adestradores distintos, o que rompeu a rutina do equipo, xerando certo desconcerto e, finalmente, o feito de que o mércores pasado o conxunto lucense lograse a vitoria que practicamente lle asegura a clasificación para a Copa do Rei. O Obradoiro, con certo abafo clasificatorio, afrontou o encontro como unha final e o seu rival, aínda baixo os efectos propios da celebración.
Pero o autenticamente destacado é que o conxunto lucense chega ao final da primeira volta con 9 vitorias, a súa mellor bagaxe histórica. Ademais, o Breogán obsequiou aos seus afeccionados —que no Pazo só viron ceder ao seu equipo contra Real Madrid e Joventut— cun xogo atractivo, o que lle serviu, xunto con outras circunstancias como a marcha de Olmos, para gozar dunha gran atención mediática.
Hai que aclarar que na tempada 1989-90 o Breogán pechou a decimoséptima xornada, que non a primeira volta, con dez triunfos pero hai que ter en conta que nesta campaña xogábase unha primeira fase cos equipos divididos en dous grupos de doce. É dicir, só se xogaba contra a metade dos grandes equipos.
Desde a edición de 1994-95, na que se xoga en liga regular de todos contra todos, a ocasión na que o Breogán estivo máis preto de igualar o feito esta tempada foi nas 2001-02 e 2003-04, con oito triunfos ambas.