"É un pau moi duro"

Sergi Quintela di que a baixa de Ahonen foi un revés para o persoal. Engade que a marcha do finlandés chega nun tramo ligueiro que pode ser clave
Sergi Quintela conduce un ataque del Breogán ante Pluta, del Ourense. AEP
photo_camera Sergi Quintela conduce un ataque do Breogán ante Pluta, do Ourense. VICTORIA RODRÍGUEZ

A semana non está a ser fácil para os xogadores do Leche Río Breogán. Ademais de ter que superar a decepción da derrota sufrida en Oviedo, con todo o que iso representa en canto a obxectivos, tamén teñen que asumir a baixa definitiva dun dos seus membros máis destacados, Roope Ahonen.

"É un pau moi, moi duro. Decatámonos na tarde do martes e non o esperabamos. Vaise non só o mellor tirador do equipo senón de toda a liga. É unha peza clave e que, ademais, estaba (Ahonen) nun bo momento". Son palabras do escolta do conxunto breoganista Sergi Quintela quen ademais engadiu: "Nunca é un bo momento para unha lesión, pero esta chega nun tramo de Liga clave para nós. Febreiro vai ser fundamental para o noso futuro".

O primeiro obstáculo a superar será o do próximo sábado (19.00 horas) no Pazo dos Deportes coa visita do Palencia. Para o xogador lucense tanto el como os seus compañeiros están obrigados "a dar un paso adiante, sobre todo en defensa, para compensar a ausencia de Ahonen. Todos temos que baixar máis o cu e mellorar o noso acerto. Teremos que asumir algo máis de responsabilidade, algúns en defensa e outros en facer algún tiro máis. En definitivo, haberá que facer o que sexa para compensar esa baixa".

Quintela recoñece que a traxectoria do Leche Río Breogán non é a esperada pero que, aínda así, está convencido de que non lles faltará o apoio do público o sábado. "Desde logo, non é a clasificación que esperabamos a estas alturas da liga, pero o público do Breogán sempre estivo connosco e sabe que xuntos imos sacar isto adiante. Todo o mundo sabe que a afección de Lugo é esixente pero tamén que cando ten que estar sempre está e apóianos nos momentos complicados. Non deixaran de estar connosco", dixo.

O do Palencia é un deses partidos que valen dobre porque é un rival directo

O escolta está convencido de que se verá o mellor Breogán en breve, "o noso traballo defensivo debe de ser unha constante e tennos que levar a que o noso ataque sexa máis fiable e vistoso. Ao público gústanlle máis os equipos rápidos, os que xogan en transición e isto chega apertando en defensa porque isto sempre favorece o noso ataque".

Ante o encontro do sábado, Quintela non perde de vista que o Palencia é un rival directo. "É un deses partidos que valen dobre porque é un rival directo. Gañáronnos na súa cancha e, polo tanto, non podemos permitirnos que o fagan tamén aquí. Sería moi importante gañar e deixalos a dúas vitorias de diferenza".

Breogán e Palencia comparten o feito de que ningún dos dous están a responder ás expectativas. "Eles empezaron moi ben e logo desinfláronse e nós tivemos moita irregularidade. Somos dous grandes equipos e isto asegura un gran partido que levará o que teña máis continuidade no seu xogo", comentou Sergi Quintela.

Se facemos o noso xogo, co noso ritmo e limitamos os nosos erros, temos que impoñernos

Ademais, o lucense di do próximo rival que é un aspirante ao ascenso: "Non só polo seu orzamento senón tamén polas fichaxes, polos xogadores que ten no seu persoal. De todos os xeitos, eu estou convencido de que se facemos o noso xogo, co noso ritmo e limitamos os nosos erros, temos que impoñernos".

Do equipo castelán, o breoganista destaca dous aspectos, "teñen un xogo interior potente, onde brilla Larsen e, por outra banda, Dani Rodríguez, un veterano da liga e un mestre do pick and roll".

Comentarios