Luís Milla: "Hai que atacar e facerlles dano para que non se sinten cómodos"

Duro exame na volta a Lugo de Luis Milla

O Lugo debuta este sábado como local na liga 2016-17 ante un Zaragoza que chega como líder ► O técnico turolense regresa ao Ángel Carro sete meses logo da súa polémica dimisión
Igor Martínez
photo_camera Igor Martínez

O Ángel Carro vestirá este sábado (21.00 horas) as súas mellores galas para acoller a estrea oficial do Lugo como local na tempada 2016-17, quinta consecutiva en Segunda División e, xa que logo, no fútbol profesional. 

Os branquivermellos afrontan esta cita con esperanza pero conscientes de que hai moito en xogo, xa que a pesar de atoparse no primeiro tramo de tempada unha derrota fronte ao Zaragoza deixaría ao equipo moi debilitado para encarar unha terceira xornada que tamén se presenta moi dura coa viaxe a Córdoba. Por iso doeron tanto os dous puntos que se escaparon en Tarragona. Logo de colocarse cun favorable 0-2 no primeiro tempo, con goles de Pedraza e Joselu, un penalti rigoroso sinalado a Ignasi Miquel permitiu ás sementes reducir diferenzas para, no tempo de desconto, aproveitar un descoido defensivo e igualar por medio de Álex López. 

Con todo, a Segunda División é unha categoría que non permite botar a vista atrás. O Lugo, seguramente cun once idéntico ao que Luís César Sampedro dispuxo fronte ao Nástic, deberá facer valer a súa condición de local para impor o ritmo de partido que máis lle favoreza. Con Campillo na media punta e Pita xunto a Seoane no centro do campo, o máis previsible será ver un equipo ben armado atrás, que intente saír coa pelota controlada e imprimir velocidade nos metros finais, con Alfonso Pedraza como principal estandarte ofensivo. 

Pedraza, o extremo andaluz volverá ser fundamental nas aspiracións do Lugo

A falta de tres incorporacións, que segundo os desexos do técnico deberían estar listos para a visita a Córdoba o venres que vén, a convocatoria completaraa o canteirán Duque, que destacou en pretemporada e que xa viaxou co equipo a Tarragona. 

O atraso na chegada das fichaxes obrigou a Luís César a probar a algúns xogadores lonxe das súas teóricas posicións. Segundo comentou onte en rolda de prensa, colocou a Iriome como dianteiro, a Leuko na posición de lateral esquerdo, a Marcelo Djaló de mediocentro defensivo e a Manu como extremo. Mentres tanto, Pablo Caballero e Adriá Carmona continúan como únicas baixas, á espera de que terminen os seus procesos de recuperación. 

O partido estará marcado tamén polo regreso de Luís Milla ao Ángel Carro tras dimitir en xaneiro pasado por motivos persoais. O turolense atópase agora á fronte dun Zaragoza cuxo obxectivo non é outro que o ascenso de categoría. 

CRISTIAN TORO. O piragüista lucense Cristian Isaac Touro, ouro olímpico en Río de Janeiro, fará o saque de honra no partido deste sábado no Ángel Carro.

Comentarios