O Durán Maquinaria Ensino recibe este xoves o poderoso Valencia Básket

O conxunto lucense busca dar a sorpresa ante un rival que acaba de conseguir a Supercopa de Europa e chega invicto en partido oficial no que vai de tempada

Paula Hoyuelos botal el balón. SEBAS SENANDE
photo_camera Paula Hoyuelos botal el balón. SEBAS SENANDE

O Durán Maquinaria Ensino recibe este xoves desde as 20.15 horas á Valencia dentro da terceira xornada da fase de grupos da Eurocup feminina. O conxunto lucense, que leva un balance dunha vitoria e unha derrota, buscará a sorpresa ante o primeiro clasificado do grupo, un equipo que ademais está entre os grandes favoritos para facerse co título, que no seu caso ademais seria revalidalo.

Aínda por riba, a Valencia chega a este encontro logo de conseguir fai menos dunha semana a Supercopa de Europa, nun partido no que se impuxo ao Ekaterimbugo, considerado o equipo máis poderoso de Europa e cunha colección de títulos nos últimos anos.

O equipo que adestra Miguel Ángel Ortega chega a este choque coas baixas de catro xogadoras como son Tamara Abalde, Natalie van den Adel, Alba Prieto e María Erauncetamurgil, pero polo menos poderá contar coa axuda da última fichaxe, a paraguaia con pasaporte italiano, Paola Ferrari.

O Valencia non perdeu un partido oficial no que vai de tempada

Asi, as lucenses manteñen os problemas de lesións que levan desde o inicio da campaña e que provocan que algunha delas acumule un bo número de minutos á espera de contar coa maioría do grupo dispoñible.

Este xoves, as lucenses afrontan un reto maiúsculo porque lles espera un conxunto que aínda non perdeu un partido oficial no que vai de tempada, cun persoal moi solvente en todas as posicións e moi longa, co que soporta moito mellor a carga de partidos á que se ve sometida.

Con todo, a Valencia chega este xoves a Lugo sen un dos seus grandes referentes como é a base Cristina Ouviña. A xogadora lesionouse na Supercopa de Europa e xa non xogou o pasado fin de semana o partido de Liga en Logroño, onde ante a ausencia da directora de xogo principal do equipo, Rubén Burgos apostou por Leticia Romeu, que pode xogar de base e de escolta, como titular, aínda que logo foi Anna Gómez quen máis minutos tivo na dirección do equipo. Ambas se repartirán estas semanas o peso da dirección, pero tamén a canteirá Claudia Contell podería empezar a aparecer na rotación do equipo puntualmente.

Non hai que esquecer tampouco a xogadoras internaciones como a galega Raquel Carrera, ou xogadoras con experiencia como Queralt Casas ou Ángela Salvadores. En definitiva, un equipazo.

Comentarios