Donos da gloria no Galego de Pádel

As parellas formadas por Martín Sánchez e Pablo Lijó, e por Ana Alicia Seijas e Andrea Colinas, anótanse o torneo no centro D10
2019121613183242000
photo_camera Un lance da final masculina. AIDA SOENGAS

As parellas formadas por Martín Sánchez e Pablo Lijó, en categoría masculina, e Ana Alicia Seijas e Andrea Colinas, proclamáronse este domingo campioas galegas de pádel nun torneo que se disputou nas instalacións do Centro Deportivo D10, en Outeiro de Rei.

Martín Sánchez e Pablo Lijó cumpriron co seu papel de favoritos e fixéronse co título, pero non sen sufrir na final que disputaron ante Adrián Blanco e Borja Yribarren. Sánchez e Lijó fixéronse co primeiro set por un claro 6-2, pero os seus rivais reaccionaron no segundo e impuxéronse por 6-1. No terceiro e definitivo Sánchez e Lijó recuperaron o seu mellor nivel e venceron por 6-2.

Antes, na rolda de semifinais, Blanco e Yribarren derrotaran a Daniel Blanco e Pablo Plaza por 6-2 e 6-4. Sánchez e Lijó, pola súa banda, superaran a Borja Castro e David Antolín por 7-6 e 6-4.

Máis clara foi a vitoria na final da categoría feminina de Ana Alicia Seijas e Andrea Colinas, que superaron a Silvia López e Vanesa Alonso por 6-3 e 6-2.

O marcador da final foi o mesmo que logrou a parella ao cabo gañadora na rolda de semifinais, neste caso ante Carmen León e Tamara Aranda. Silvia López e Vanesa Alonso, pola súa banda, derrotaran na rolda de semifinais a Carla García e Ollalla Fernández (7-5 e 6-4).

A xornada final reuniu no Centro Deportivo D10 de Outeiro de Rei un gran número de afeccionados, que gozaron da actuación dos mellores xogadores de pádel da comunidade galega.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios