O duelo especial de Carrillo

O dianteiro vivirá co Lugo un derbi en Cartagena ao criarse na canteira do Murcia
2020100218231794756
photo_camera José Ángel Carrillo celebra o seu gol ao Numancia a tempada pasada. XESÚS PONTE

Un derbi na mente dun dianteiro que non viste de pimentonero, pero cuxo pasado o impulsará no estadio de Cartagonova a pesar de xogar nun equipo a máis de 900 quilómetros da súa cidade natal. José Ángel vivirá un partido máis que especial este domingo (20.30 horas) co Lugo. Canteirán do Murcia, xogará como branquivermello ante o Cartagena, o gran rival do seu club de formación e ante o que sempre ten un extra de motivación.

Nacido no barrio de El Progreso da capital murciana, vestiu desde neno as cores do Real Murcia ata chegar ao xuvenil, ao filial e o primeiro equipo, co que debutou en competición oficial nun 2-2 ante o Mallorca, en Segunda División, o 26 de xaneiro de 2014.

"Vivín moitos derbis Real Murcia-Cartaxena desde pequeniño e será un partido especial. É un equipo que como murciano sempre tiven moitas ganas de xogar contra eles por esa faísca que se vivía, eses encontróns que había no campo... É un partido bonito para min e oxalá teña a oportunidade de poder axudar e sumar ao equipo", valora Carrillo.

"Un derbi é un derbi en Murcia e cando estás fóra de Murcia, como é o meu caso, que estou agora aquí en Lugo, seguirá sendo un partido moi bonito. A rivalidade Murcia-Cartagena na comunidade, entre as súas afeccións é o máis, é moi bonita. Ser murciano e ir a Cartagena para vivir o partido desde o meu punto de vista, con ese sentimento é algo moi bonito para min", engade.

Carrillo nunca disputou un derbi murciano como pimentonero, pero si cando formaba parte do Sevilla Atlético. Na tempada 2015-2016 disputou dous duelos ante o Cartagena cun empate (1-1) e un triunfo 0-2, onde ademais anotou un dos goles saíndo desde o banco.

O domingo tratará de repetir o mesmo resultado e actuación co Lugo, sexa como titular ou partindo como refresco. A motivación de gañar ao eterno rival estará aí.

"As ganas de gañar téñoas sempre, todas as semanas, e de xogar máis aínda. Pero ao final Juanfran será o que decide o once e se sae o meu nome estarei preparado para poder axudar ao equipo e para conseguir os tres puntos, que non será fácil".

O dianteiro murciano mostrouse sorprendido polas fichaxes "de bastante nome e experiencia" que está a realizar o Cartagena. "Eles son os que manexan o seu club, as súas contas e saberán como facer a xestión. Nós temos que dedicarnos a ir ao noso".

Para Carrillo o Lugo pode lograr os tres puntos se é capaz de non "perder a cara ao partido" e "facer o partido longo, facernos fortes na liña defensiva e aproveitar o bo que temos, que son os xogadores de banda, que son un puñal".

Hernández Maeso será o árbitro do Cartaxena-Lugo 
O árbitro do colexio estremeño aínda que nacido en Bruxelas Francisco José Hernández Maeso será o encargado de dirixir o duelo deste domingo ante o Cartagena. 

Debuta esta tempada na categoría e nunca pitou ao Lugo. Si o fixo en dúas ocasións ao Cartagena, con senllos empates na categoría de bronce do fútbol español. 

Moreno Aragón, ao VAR 
O granadino Álvaro Moreno Aragón foi designado pola Federación Española de Fúbol como o árbitro que auxiliará a Hernández Maeso desde o VAR.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios