O doce regreso do deserto

Diego Vallejo, Pedro Burgo e Eduardo Igrexas xa se atopan en Lugo tras a súa experiencia na edición deste ano do Rallye Dakar. Os tres fixeron un balance positivo da proba celebrada en Arabia Saudita, aínda a pesar da súa dureza
photo_camera Os lucenses, os cinco da fila de abaixo. EP

Unha experiencia positiva, que, a pesar da dureza e os momentos complicados, contentou aos tres lucenses que se enfrontaron á area do deserto no Dakar de Arabia Saudita. Diego Vallejo, como copiloto de Óscar Fortes, Eduardo Igrexas, piloto de motos con KTM, e Pedro Burgo, na categoría SSV, fixeron balance da súa participación no maior rallye do mundo.

Non era a primeira vez para Diego Vallejo, pero si foi o seu mellor Dakar ao acabar na posición 24 do xeneral. Con todo, o meirego celebrou o feito de finalizar o seu quinto rallye.

"Quedo con que xa levo unhas sesenta etapas no Dakar terminadas e iso é un gran dato. Facer un rallye era un soño, imaxina o que significa acabar cinco", dixo Vallejo.

Acabar tamén era o reto de Eduardo Igrexas, que foi un dos 96 elixidos que cruzaron a última liña de meta tras 11 duras xornadas en Arabia Saudita. O de Monforte acabou no posto 94, aínda que nunca mirou a táboa.

"Non fun á carreira mirando moito a clasificación. Na primeira semana sufrín bastante fisicamente, porque houbo dúas etapas bastante duras. Despois preferín ir día a día e centrarme en acabar sen mirar moito o posto. Podía rodar máis rápido e lograr algunha clasificación un pouco mellor, pero non quixen ter ningún tipo de leas por subir na táboa", afirmou Igrexas, que considerou "un éxito" concluír a competición "sendo un rookie".

Diego Vallejo. "Correr nun rallye Dakar era un gran soño para min. Imaxina o que significa o feito de poder acabar cinco"

"Na competición houbo bastante caídas, polo que decidín ser un pouco máis conservador e non ir por encima das miñas posibilidades, o que pode ser máis perigoso. Con tantas horas encima da moto era máis fácil darse un golpe e por iso tratei de rodar para asegurar a praza que quería e tamén acabar", engadiu o piloto de motos da cidade do Cabe.

O que non puido completar as once xornadas foi Pedro Burgo, que quedou fóra na primeira semana tras varias avarías na Maverick X3. Ata ese momento fora un dos 15 mellores en SSV.

"Temos que quedarnos co bo, que é que mentres estivemos e non tivemos problemas rodamos moi ben e moito. Estivemos nunha boa posición na clasificación", dixo Burgo.

"Mentres estivemos en carreira corremos cos mellores, incluso houbo algún parcial no que rodamos entre os catro primeiros, o que era, a priori, impensable", asegurou o lucense.

"Estabamos entre os mellores da nosa categoría e entre os mellores rookies de todo o Dakar. Iso demostra que estabamos a facer as cousas ben. Tiñamos moitas dúbidas en canto á navegación, pero non houbo ningún problema en canto a iso. O único que sufrimos foi o do coche, que foi o que nos deixou fóra", valorou Burgo.

Eduardo Igrexas: "Puiden rodar máis rápido e lograr algunha clasificación un pouco mellor, pero non quixen ter problemas para acabar"

"A primeira avaría foi unha rotura do turbo. Desde que estes coches os bridaron ao parecer é un problema que teñen todos e nós sufrímolo. Aí quedámonos fóra de clasificación. A organización dáche un joker, unha posibilidade de reengancharte á carreira, pero a sorte non estivo do noso lado e o termostato empezou a tirar auga e quedámonos fóra definitivamente".

Non tiveron ningún problema cos seus vehículos nin Diego Vallejo no SsangYong Korando DKR nin Eduardo Igrexas coa súa KTM.

"Non foi o Dakar máis duro. Contamos con moi bos medios, un material mais fiable e rápido que nunca. O coche non deu nin un problema. Sempre hai un día malo nesta competición e este ano non houbo ningún, todo foi moi limpo e saíu ao pedir de boca", destacou Diego Vallejo.

"A moto foi perfecta. A KTM foi unha elección que sabía que ía ser a boa. Deume cero problemas, o mantemento diario básico e pouco"máis , revelou, pola súa banda, Igrexas.

Para o piloto monfortino a primeira semana foi complicada de afrontar polo terreo pedregoso no que se moveu. Con todo, tras o día de descanso recuperou forzas para lograr o seu obxectivo.

Pedro Burgo: "Mentres estivemos en carreira corremos cos mellores. Nalgún parcial chegamos a rodar entre os catro primeiros"

"A primeira semana foi moito máis complicada polo propio terreo, que era máis duro. Había moitas pedras e menos area. A segunda xa foi a parte das dunas, da area, e aí xa era unha parte que se me daba bastante ben e sufrín un pouco menos. Tamén o día de descanso recuperei moi ben. Axudou a mentalidade de ir día a día e centrarme en acabar tamén", asegurou.

A pesar de que a elección de repetir experiencia aínda é unha dúbida nas cabezas de Eduardo Igrexas e Pedro Burgo, volver repetir no Dakar parece algo seguro na de Diego Vallejo.

"Quero máis que outras veces. Outras veces estou coas ganas de non correlo máis, pero xa no último enlace miramos como poderiamos mellorar o coche. Agora uns días de descanso e a ver".

"O soño de todos será poder loitar pola vitoria. Por agora non me sentía moi preparado, son retos moi grandes. Creo que se o equipo dános os medios necesarios poderiamos dar un paso máis cara aos postos do 15 ao 20. Creo que estamos preparados para iso. Estou encantado con Óscar Fortes e con SsangYong, trátanme realmente ben", concluíu o copiloto de Meira.

Comentarios