"O Xirona é o equipo máis complicado da liga"

O central do Lugo, que se fixo cun posto no equipo nas últimas semanas, ve "todopoderoso" o seu exequipo, "e máis en Montilivi"
Marcelo Djaló, durante su presentación como jugador del CD Lugo
photo_camera Marcelo Djaló, durante su presentación como jugador del CD Lugo

O central do CD Lugo Marcelo Djaló afirmou este martes que para el o Xirona, ao que se enfrontará o próximo fin de semana e no que militou, "é o equipo máis complicado" de LaLiga 1|2|3.

"Persoalmente, creo que é o equipo máis complicado da categoría. Véxoo todopoderoso e máis en Montilivi, coa súa afección, cun adestrador que aperta moito. Os xogadores saben o que teñen que facer en cada momento e sacar puntos alí é súper complicado. Vai ser unha guerra bastante forte con dous equipos que están a pelexar polo mesmo", declarou.

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación recordou que a tempada pasada estivo no equipo catalán, puido "ver o traballo diario" e o que lles inculca o adestrador, como viven e preparan cada partido" e iso permítelle concluír que "é un equipo de dez, coas cousas moi claras".

"Nós temos que aproveitar as nosas bazas e non cometer erros", indicou o central, ao que se lle recordou que o Lugo foi o equipo que fai un par de tempadas frustrou o ascenso directo dos cataláns a Primeira División.

"No vestiario non se fala de nada diso, estamos centrados no partido, pero supoño que en Xirona están queimados porque o que pasou alí non foi grato para os afeccionados nin os xogadores. Eu, se fose xogador do Xirona, tampouco o esquecería, pero son cuestións alleas a nós", indicou.

Djaló afirmou que é "un partido bastante importante" para o Lugo, no que o conxunto galego pode "dar un golpe encima da mesa" na pelexa por estar nas posicións altas da clasificación.

"En liñas xerais, o Lugo propuxo un fútbol atractivo, ofensivo, ultimamente non marcamos tanto, pero vai por xeiras. Agora temos un pouco máis alta a autoestima logo de gañar a todo un Raio, un exequipo de Primeira, e vexo ben ao Lugo en todos os aspectos, de físico e cabeza", apuntou.

O xogador branquivermello afianzouse no once nas dúas últimas xornadas tras ter un papel secundario nas anteriores.

"A miña quenda levábao esperando tempo, pero o fútbol é así, require adestrar cada día e o que manda é o adestrador, que ata agora o fixo perfecto", declarou.

Comentarios