miércoles. 23.09.2020 |
El tiempo
miércoles. 23.09.2020
El tiempo

Discípulos que tocaron o ceo

Dani Vidal e Antón Quindimil, no estadio Ángel Carro. CDLUGO.COM
Dani Vidal e Antón Quindimil, no estadio Ángel Carro. CDLUGO.COM
Dani Vidal e Antón Quindimil debutaron en Segunda División desde a Polvoreira para cumprir un soño que tiñan desde que eran nenos ► Os dous futbolistas da filial do Lugo contaron sempre co apoio dos veteranos do equipo e do técnico no partido de Fuenlabrada

Fuenlabrada foi unha cidade dormitorio para Dani Vidal e Antón Quindimil. Non o foi por tombarse a descansar sobre o céspede do Fernando Torres, senón porque alí, no estadio madrileño, os soños de dous rapaces procedentes da Polvoreira fixéronse realidade. Os dous xogadores debutaron coa camiseta do Lugo nun partido oficial de Segunda División. Os minutos disputados na primeira xornada de Liga permanecerán para sempre na memoria de dous futbolistas que buscan abrirse paso entre a elite profesional en España.

"Isto é un soño cumprido. Este é o meu oitavo ano no Lugo. Desde pequeno sempre fun ao estadio para ver aos maiores e agora estar no día a día con eles e poder debutar é o soño de calquera xogador que chega en infantís e progresa ano a ano", valora Dani Vidal, quen chegou en infantís ao club lucense desde o seu Portomarín natal.

"Debutar no fútbol profesional é algo que todos os xogadores perseguen. O domingo foi o día soñado para min e supoño que para calquera xogador que está a intentar chegar ao fútbol profesional. Estou moi contento e moi feliz", valora Quindimil, nacido en Abegondo fai 20 anos.

Os dous levan tempo adestrando ás ordes de Juanfran García e, pese ao compromiso de entrar nun duelo da categoría de prata, non tiveron nervios.

"Cría que ía estar máis nervioso. Supoño que co estadio baleiro é distinto. Estás tenso, porque estás co primeiro equipo e hai algo en xogo, pero saín tranquilo porque o grupo confía moito nos mozos", recordou Dani Vidal.

"No momento foi estraño. Estaba a quentar co resto de suplentes no descanso. Chamoume o segundo adestrador e díxome que en dez minutos ía entrar. No momento non se me pasou pola cabeza que ía debutar en Segunda División, senón que ía entrar no campo e tiña que facelo ben. Cando o partido se acabou e ao día seguinte, xa máis en frío e máis tranquilo, deime conta de que foi algo bonito e incrible", dixo Quindimil

Juanfran tratou de acougar aos dous mozos do Polvorín para que puidesen facer o seu xogo. "Entre os dous adestradores dixéronme que estivese tranquilo, que fixese o que sabía e déronme un par de instrucións tácticas, de balón parado e así. Estou moi agradecido pola confianza que me deron", declarou o futbolista coruñés.

Tamén os veteranos do equipo: Seoane, Pita ou Djaló contribuíron a que Dani Vidal e Quindimil xogasen o mellor posible o tempo que estiveron sobre o céspede. "Os veteranos son os que máis che axudan. Igual noutro equipo poden ter medo a que lles quites o posto pero aquí é todo o contrario. eles son a xente que máis che axuda, a que quere que mellores e que se alguén lle quitamos o posto que sexamos os mozos que chegamos con ganas de demostrar", indica Vidal. "No partido tes que estar a falar continuamente, e máis cun rapaz que era debutante na categoría e podía perder un pouco a posición. Pero foi o normal, como eles tiran de todo o equipo", engade o canteirán do Lugo.

Quindimil tivo en Marcelo Djaló algo máis que un compañeiro de zaga en Fuenlabrada. "Con Djaló teño unha relación moi boa. Desde os primeiros días que estou aí sempre me está corrixindo, axudándome no que pode. Desde que entrei ao campo díxome que estivese tranquilo e que me ía a axudar. Faloume, corrixiu e axudou moito para que o fixese o mellor posible", precisou o xogador de Abegondo.

Discípulos que tocaron o ceo
comentarios