Diego Epifanio: "O noso traballo defensivo foi de menos a máis"

Diego Epifanio. XESÚS PONTE
photo_camera Diego Epifanio. XESÚS PONTE

O adestrador do Leche Río Breogán, Diego Epifanio, quixo felicitar os seus ao finalizar o choque deste domingo fronte ao Granada e agradecer o apoio. "Quero felicitar o meu equipo pola vitoria ante Granada e agradecer aos afeccionados que se desprazaron desde Lugo para apoiar ao equipo. Creo que foi un partido vibrante", dixo.

O técnico do Leche Río Breogán referiuse ás claves do triunfo final. "O noso traballo defensivo foi de menos a máis. Sabiamos do potencial do Granada, e que Kapelan nos podía poñer en moitas dificultades, pero sobre todo nas últimas posesións fixemos un bo traballo. Antes, durante o partido, custounos un pouco atopar fluidez. Eles apertaron moito e foron moitas veces ao tiro libre, e iso impediu que poidamos romper o partido cando tiñamos opcións para facelo", explicou Epifanio.

Pero se algo quixo destacar o adestrador breoganista foi o bo traballo de equipo e a actitude mostrada por todos os seus homes: "Voume moi contento porque varios dos meus xogadores deron un paso adiante. Nós somos un equipo que necesitamos de todos, un día xogarán máis uns, outro día outros, pero alégrome moito polos que volveron a coller confianza, os que entraron sorrindo polo vestiario e oxalá iso vaia aos poucos facendo que o noso traballo sexa máis consistente e nos permita competir máis partidos e mellor no futuro".

Diego Epifanio insistiu no potencial defensivo que deben mostrar os seus. "O rival non o puxo fácil nunha cancha así, cando non te acabas de ir ás veces é difícil e cada vez que estabamos a piques de romper o partido eles apertaron e custounos", manifestou.

 
Pablo Pin: "Eles tiveron bos ataques ao final"
O adestrador do Granada, Pablo Pin, lamentou a derrota do seu equipo. "Levamos o partido ao noso terreo e tivemos algunhas opcións de conseguir a vitoria. Ao final eles tiveron bos ataques, nós fallamos varios tiros abertos que nos lastraron e ao final houbo varias situacións nosas moi boas en defensa e que eles resolveron ben", indicou.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios