Dianteiros decisivos

Manu Barreiro e Uros Djurdevic serán a clave dos ataques do Lugo e o Spórting no partido deste luns no estadio de El Molinón
undefined
photo_camera Manu Barreiro durante o Lugo-Spórting da primeira volta no Ángel Carro. XESÚS PONTE

Todo ao nove. Coma se fose unha aposta na ruleta do casino, o Lugo fía boa parte da súa salvación ao acerto de cara a porta dos seus dianteiros, en especial dun Manu Barreiro que parece tomar o relevo de Cristian Herrera como asideiro ofensivo na tempada.

O dianteiro compostelán suma nove tantos nesta 2020-2021. Ninguén marcou máis ca el no conxunto branquivermello. As súas nove dianas supoñen unha marca non superada por ningún outro futbolista do conxunto lucense ata o momento.

Barreiro é tamén o xogador que máis xuta de todos os futbolistas branquivermellos, con 36 tiros a porta. Por detrás está o centrocampista Juanpe, con 28, o que indica o empuxe da segunda liña nos plans dos distintos adestradores que pasaron polo club este curso.

O santiagués herda a importancia de Herrera, quen marcou doce tantos na pasada campaña, algúns decisivos como o 2-2 fronte ao Xirona ou o 2-1 da última xornada fronte ao Mirandés que lle outorgou a salvación ao conxunto lucense.

Manu Barreiro suma nove goles e dúas asistencias no que vai de competición

As anteriores dúas campañas, a 2018-2019 e a 2017-2018, tamén foi Cristian o principal anotador branquivermello, con dez e sete goles respectivamente no seu haber.

Esa 2017-2018 foi a última na que unha punta do Lugo anotou menos de dez dianas nunha mesma campaña. Barreiro está a unha soa de alcanzar os dobres díxitos, o que tratará de lograr este luns (21.00 horas) no Molinón ante o Spórting.

En Xixón vivirase ademais un duelo ante outro futbolista acertado de cara a porta, o sportinguista Uros Djurdevic, segundo na carreira polo pichichi da categoría de prata con 21 tantos. Djuka é, ademais, o futbolista que máis remata a porta de toda a categoría con 85 disparos.

Pero tanto Barreiro como Djurdevic achegan máis que goles aos seus equipos. Ambos son capaces de aglutinar o balón como puntas de referencia para que a segunda liña poida avanzar e converterse en decisiva.

Ese é o xogo predilecto de Barreiro, cuxa virtude no xogo aéreo permite que o fútbol directo e a segunda xogada sobre as chegadas dos centrocampistas ofensivos sexa a principal arma do Lugo de Rubén Albés.

Grazas a Barreiro, no Lugo brillan Hugo Rama e Juanpe, pero tamén o Puma Rodríguez ou Gerard Valentín ou incluso El Hacen.

Con Djurdevic como gran pivote arriba, as chegadas de Aitor García e Cumic supoñen unha boa fonte de perigo para o ataque xixonés, así como outros centrocampistas como Manu García, Pablo Pérez ou Gaspar, que alcanzan zona de finalización.

As defensas lucenses e asturianas terán un duro traballo en El Molinón con dúas puntas que lideran aos seus equipos no campo rival, tanto a nivel de goles e disparos contra o porteiro alleo como na influencia no xogo dos dous arietes.

Comentarios