82-86. Derrota do Breogán da forma máis dolorosa

O Zaragoza imponse no Pazo no último suspiro nun partido no que os celestes chegaron a ter unha vantaxe de quince puntos

El Breo se aferra a la victoria. TWITTER
photo_camera A afección do Breogán, sempre fiel. VITORIA RODRÍGUEZ

O Cafés Candelas Breogán desinflouse outra vez no último cuarto (82-86) dun partido que tiña encarrilado (chegou a ir gañando por 15 puntos a falta de 13 minutos) e que acabou en mans do Tecnyconta Zaragoza cando aos locais se lles acabou o acerto no tiro exterior, o seu grande aliado ata ese momento. Os zaragozanos, cun gran Berhanemeskel (22 puntos, 26 de valoración) no Pazo dos Deportes, levaron o salto inicial e os primeiros minutos do partido, nos que o Breogán estivo totalmente desacertado, especialmente Löfberg.

Cunha canastra de Justiz, outra de Barreiro e un triplo de McCalebb, o Zaragoza colleu impulso cun parcial de 0-7. Despois de case cinco minutos de seca e ata oito intentos errados por anotar, ao fin viu canastra Gerun. Dous tiros libres fallados de McCaleb animaron aos locais, que reaccionaron a base de triplos. Desde a liña de 6,75 anotaron Vidal, Cvetkovic e Redivo para porse a un (13-14, min.7).

Okoye tamén se animou cun tiro de tres e aínda que os maños sempre estiveron por diante no primeiro cuarto, o Breogán non permitiu que se escapasen (17-19).

O equipo local igualou con tiros libres de Jordan (19-19) no arranque do segundo acto e púxose por diante por primeira vez (22-19, min.11) cun triplo de Löfberg, que cambiara de cuarto con 0 de 5 en tiros. Redivo e Uriz converteron outros dous lanzamentos de tres (28-23, min.23), pero Berhanemeskel empuxou ao Zaragoza cos seus primeiros trece puntos (cento por cento de efectividade) e a axuda de Okoye (28-35, min.17) para un parcial de 0-12 e sete de vantaxe.

Os de Natxo Lezkano tiveron un apagamento de catro minutos, pero reaccionaron nos instantes previos ao descanso, ata o punto de neutralizar a diferenza (39-39) grazas ao seu xogo exterior, porque na pintura foi moi superior o equipo zaragozano.

O partido renovouse con tres tiros libres de Redivo e dous triplos de Cvetkovic (48-39, min.33) para volver pór por diante aos lucenses, que abriron brecha (nove arriba). Ademais, Justiz, clave no Zaragoza, sumou pronto dúas persoais para quedar a unha da eliminación. Porfirio Fisac mandou ao cubano ao banco e os locais chegaron á máxima diferenza de quince puntos (62-47 min.27) porque as súas bonecas renderon a distancia e os maños permitíronllo.

Os visitantes resistiron con Berhanemeskel e McCalebb, que achegaron 14 dos 18 puntos que anotou o Zaragoza no terceiro cuarto e que lle permitiron entrar nos últimos dez minutos a nove unidades do Breogán (66-57). Os de Porfirio Fisac entoáronse no último acto, o que máis lle adoita custar ao Breogán. Situouse a seis apoiado unha vez máis en Berhanemeskel (68-62, min.33), pero o equipo lucense non se puxo nervioso e volveu afastarse co seu acerto desde a liña de 6,75 (74-64, min.34) en lanzamentos liberados.

Zaragoza cambiou a defensa dous-tres e, aínda que Breogán sumou outro triplo, as súas porcentaxes baixaron e os maños metéronse no partido cun parcial de 4-13 (78-77, min.38) para igualalo cun tiro de tres de Okoye a falta de minuto e medio (80-80) e darlle a volta (80-82) xusto antes de entrar nos últimos sesenta segundos.

Os locais tiveron un último ataque para forzar a prórroga (82-84), pero nin Gerun nin Brown converteron e os maños levaron o triunfo.

O partido arrincou cunha homenaxe a Mirian Vázquez, a moza, colaboradora do club, que se converteu durante os dez últimos anos en símbolo da loita contra o cancro en Lugo e que falecía hai unha semana.

FICHA TÉCNICA
Cafés Candelas Breogán (17+22+27+16): Cvetkovic (18), Vidal (6), Löfberg (5), Brown (11), Gerun (10) -cinco inicial-, Redivo (18), Uriz (5), Jordan (6), Sulejmanovic (2), Belemene (-) e Christian Díaz (1).

Tecnyconta Zaragoza (19+20+18+29): Justiz (6), McCalebb (21), Barreiro (7), Seibutis (4), Radovic (4) -cinco inicial-, Martín (16), Okoye (6), Berhanemeskel (22), Alocén (-), Fabio (-), Pradilla (-) e Martí (-).

Árbitros: Pérez Pérez, Jordi Aliaga, Alberto Baena. Eliminaron a Cvetkovic (min.40).

Incidencias: Partido da novena xornada da liga Endesa disputado no Pazo dos Deportes de Lugo. Gardouse un minuto silencio por Mirian Vázquez, colaboradora do club lucense.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios