O Río Breogán ten un déficit importante nos tiros libres

O equipo lucense é o equipo que menos veces lanza desde a liña de persoal e o que menos faltas recibe
Bell-Haynes intenta entrar a canasta ante Walter Tavares. XESÚS PONTE
photo_camera Bell-Haynes intenta entrar a canasta ante Walter Tavares. XESÚS PONTE

Ao Río Breogán só supéranlle en tiros de dous anotados (20,9 por partido), o Ucam Murcia (22,7) e o Unicaja Málaga (22) e en canastras triplas logradas o conxunto lucense é o cuarto da competición con 9,57 por partido, cifra que só superan o Fuenlabrada con 12,1 de media, o Tenerife (10,8) e o Bilbao (10,2). A pesar de ser dos equipos da liga con máis canastras de dúas e de tres anotadas por partido, o conxunto breoganista é duodécimo en anotación total. E isto implica que os de Paco Olmos teñen un grave déficit de anotación nos tiros libres.

O Río Breogán é o equipo da liga Endesa que menos faltas persoais recibe con 16,9 por encontro moi lonxe, por exemplo, das 21,9 que lle sinalan a favor ao Betis, as 21,7 ao Barça ou as 21,4 ao Manresa. O lucense é, ademais, ou como consecuencia do anterior, o equipo da competición que menos acode ao tiro libre. O Breogán só lanza de media en 2 ocasións desde a liña de persoal moi lonxe dos 23 tiros libres que acredita o Manresa ou os 21,7 de Gran Canaria ou Betis.

Este dato non deixa de ser sorprente nun equipo como o lucense que, como está dito, é dos que máis tiros de dúas lanza e anota. O Barça e a Gran Canaria levan o mesmo número de canastras de dúas convertidas e a súa media de tiros libres ascenden a 21,7 os canarios e 18,4 os cataláns. Ademais o Breogán acredita unha media de 11 rebotes ofensivos por encontro.

Tamén se podería considerar o propio estilo de xogo do conxunto de Paco Olmos. O Breogán, en estático, insiste en accións de poste baixo e, sobre todo, dispón de xogadores, como Trae Bell-Haynes ou Dzanan Musa que buscan nas penetracións as súas primeiras opcións de face ao aro rival.

Bell-Haynes só lanzou un tiro libre nos sete encontros xogados

O dato do déficit breoganista nos tiros libres é aínda máis reseñable se se atende ao aspecto individual, e niso se se centra sobre todo nun xogador como a base Trae Bell-Haynes.

é máis que sorprendente que a base canadense só lance nas sete xornadas disputadas un só tiro libre en total. é dicir, o cuarto xogador con máis minutos en pista da competición (29 por partido) e cun estilo de xogo baseado na rapidez e nas transicións non recibiu en todo o que leva disputado de competición nin unha soa falta persoal que merecese dous tiros libres e o único que lanzou , foi na segunda xornada de competición en Burgos, foi un adicional tras canastra.

Hai que ter en conta que a base breoganista, que en Alemaña lanzaba 7 tiros libres por partido, é un dos xogadores que máis tiros de dous realizan por partido (9). Isaiah Taylor (Murcia) ou Leo Meindl (Fuenlabrada) están practicamente na mesma media de tiros realizados que o breoganista e acoden en 4,1 e 4,8 veces á liña de tiros libres.

Dous encontros seguidos no Pazo
O Río Breogán, logo de sufrir en Zaragoza a súa terceira derrota consecutiva, dispón agora de dous encontros consecutivos a favor de ambiente. O vindeiro domingo, ás 17.00 horas, será o Ucam Murcia o que visite o Pazo dous Deportes e o sábado día 6 de novembro, ás 18.00 horas, o visitante será a Gran Canaria.

Estes dous equipos ocupan a terceira e cuarta posición da táboa co mesmo bagaxe de cinco triunfos e dúas derrotas. Os de Murcia levan tres triunfos consecutivos, mentres que os canarios gañaron catro dos seus últimos cinco partidos. O último deles, o.pasado domingo na cancha do Real Madrid (70-75).

Oferta. Os non abonados teñen unha oferta para os encontros do Río Breogán ante o Ucam Murcia, a Gran Canaria e o Joventut. O club pon un abono de tres entradas ao prezo de dous. O premio do bono para os tres partidos nas zonas de fondo estadio e campus é de 30 euros para maiores de 18 anos e de 20 euros para menores de 18 anos. Tamén se mantén aberta o despacho de billetes online para o duelo ante o Ucam Murcia de forma individual e a un prezo habitual.

Comentarios