O Lugo inicia a súa pretemporada fronte ao Burgos en Astorga

O estadio campo da Eragudina será o escenario deste primeiro duelo no que se poderán ver poucas caras novas 
undefined
photo_camera Xavi Torres realiza un exercicio durante un adestramento en Pol. SEBAS SENANDE

O céspede da Eragudina, de Astorga, será o primeiro en probar ao CD Lugo da tempada 2021-2022. O estadio maragato acollerá o duelo inicial dos partidos de pretemporada do conxunto branquivermello. O Burgos será este sábado (19.00 horas) o rival que inaugurará o verán competitivo lucense.

Será un Lugo case en cueiros, con apenas dúas semanas de adestramentos e o equipo aínda por reforzarse. En Astorga poderanse ver poucas caras novas. Só realizou dúas incorporacións o conxunto dirixido por Rubén Albés. Na localidade maragata nin sequera estarán ambos. Só xogará o extremo David Mayoral, xa que o mediocentro e central Juan Antonio Ros non traballou co equipo aínda.

Como Ros, ausentaranse Gerard Valentín e Orest Lebedenko, que tampouco estiveron nas sesións en Pol, polo que o máis normal é que non formen sobre o verde de A Eragudina.

Serán os veteranos que xa estaban a campaña pasada, os nove xogadores do Polvoreira e o central a proba, Alberto Rodríguez, os que se enfronten ao Burgos.

O técnico do Lugo, Rubén Albés, asegurou que a pretemporada trata de ''ir acumulando moitos conceptos, intentando germinar ideas nas cabezas dos futbolistas'' e que os partidos permiten ''ir mostrando cousas do que queremos facer con independencia do resultado''.

O conxunto burgalés é un recentemente ascendido á categoría de prata e conserva boa parte dos futbolistas que realizaron unha gran campaña en Segunda B. Ademais, o cadro do Plantío incorporou á meta Afonso Ferreiro, que procede do Marbella; ao defensa do Sabadell Grego Sierra, ao lateral esquerdo do Albacete Fran García; e ao mediocentro Andy, da UD Logroñés.

Prezos dos abonos. O Lugo fixo públicos os prezos dos abonos para a 2021-2022. Desde o luns nas oficinas do Ángel Carro e a web do club, os que desexen ser socios de tribuna e preferencia pagarán 80 euros os sub-14, 135 os sub-18, 190 os sub-23, 275 os adultos, 250 os maiores de 65 anos e 225 os desempregados.

Nos dous fondos abonarán 40 euros os sub-14, 75 os sub-18, 110 os sub-23, 155 os adultos, 140 os maiores de 65 anos e 125 os desempregados. En xeral pagarán 30 euros os sub-14, 55 os sub-18, 80 os sub-23, 115 os adultos, 105 os maiores de 65 anos e 100 os desempregados. O socio protector abonará 500 euros.

Só para os residentes de fóra do concello de Lugo haberá o abono provincial reducido que custará a metade do prezo por bancada e poderase acudir a 10 partidos de Liga e un de Copa. As renovacións e novas altas, ata o 10 de agosto.

Comentarios