Curro Torres: "Este é un pequeno paso atrás"

O adestrador do Lugo asegurou que "ata a expulsión" o equipo cumpría co guion planeado
Curro Torres, en ADG MEDIA
photo_camera Curro Torres, no Estadio de Gran Canaria. ADG MEDIA

O adestrador do Lugo, Curro Torres, destacou que a expulsión de Campabadal foi clave, xa que ata ese momento "o equipo estaba a facer o partido que falaramos".

"Non se trata de corrixir, trátase de mellorar e ofrecer mellores condicións. Ata a expulsión o equipo estaba a facer o partido que falaramos. Eles non nos estaban facendo dano. Quizá nos faltaba enlazar algo máis, pero estabamos ben. Non puidemos mellorar na segunda metade", destacou Torres.

"Traballo independentemente do que teña enfronte. Este é un pequeno paso atrás, hai que tratar de corrixir e insistir no que facemos ben. A pesar da derrota hai cousas positivas. Tamén hai que ter en conta o rival que había enfronte e cun xogador menos tantos minutos é complicado. O martes chega o Málaga e son tres puntos importantes, non imos baixar os brazos en ningún momento. O que se baixe do barco non pode estar comigo", valorou o técnico.

Sobre o duelo ante o Málaga do próximo martes (19.30 horas) no Ángel Carro, Curro Torres cualificouno de "diferente". "O partido de Malaga é diferente. Intentaremos facer as cousas ben, con moita forza e ánimo como equipo local. Hai que levantarse e pensar xa no seguinte duelo da liga", reflexionou.

"É un momento complicado. Fixemos un esforzo enorme e tivemos un erro que nos deixa sen a posibilidade de levarnos algo positivo. Mañá estaremos coa moral cargada. Cada partido é unha guerra e non temos tempo de lamentacións", opinou Torres.

Comentarios