Cando o deporte é cruel

_EPE7726.JPG
photo_camera _EPE7726.JPG

O Azkar Lugo non consegue levantar cabeza e onte topouse ademais cun encontro no que volveu merecer moito máis e a resposta foi un castigo excesivo que se suma a outros resultados da xornada que non axudaron absolutamente en nada.

O equipo lucense cedeu por 2-4 ante o Talavera nese primeiro partido do calendario ante os seus teóricos rivais directos, e as vitorias de Marfil Santa Coloma e Puertollano mantéñeno como pechacancelas, pero xa cunha desvantaxe notable e ás portas precisamente de xogar ante ambos os dous finais pola supervivencia e na que hai moito que gañar, pero tamén moito
que perder.

A primeira metade do Azkar Lugo foi realmente brillante. Os pupilos de Diego Ríos entraron con moita intensidade no encontro, conscientes de que as circunstancias obrigaban a unha vitoria, e a pesar de que se chegou ao descanso cun empate sen goles realmente inxusto, tal e como o acreditou incluso o adestrador do Talavera, Carlos Sánchez, ao final do partido.

A segunda metade comezou de igual xeito que a primeira e viviu o seu particular momento de frenesí con varios goles en moi pouco intervalo de tempo. Justo Cáceres (0-1); Kiko (1-1) e Nando (1-2). Aramburu empataba para o Azkar (2-2) e con nove minutos por diante o Azkar volvía soñar con lograr esa primeira vitoria da tempada.

Con todo, o tanto de Chicho no minuto 34 deixou realmente tocado ao equipo de Diego Ríos, encargándose Justo de rematalo no 39, despois de que Ossorio acabase dentro da portería co rival, logo de correr como un tolo para evitalo.

A seguinte estación para o Azkar Lugo chega o vindeiro venres desde as 20.30 horas na pista do Marfil Santa Coloma.

+ info na Edición Impresa do domingo

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios