Lunes. 19.11.2018 |
El tiempo
Lunes. 19.11.2018
El tiempo

Control na rampla de saída

Ramón Azeez trata de parar un ataque do Lorca. SEBAS SENANDE
Ramón Azeez trata de parar un ataque do Lorca. SEBAS SENANDE

O Lugo espera reter aos seus principais xogadores a pesar do interese doutros clubs en asinalos, pero terá que alixeirar o vestiario para inscribir ás novas incorporacións

O Lugo terá que facer sitio no seu vestiario. Con 22 fichas cubertas no primeiro equipo, o conxunto branquivermello terá que alixeirar a súa nómina de futbolistas para inscribir ás cinco ou seis incorporacións anunciadas polo seu director deportivo, Emilio Viqueira. Mentres nalgúns casos serán baixas acordadas co técnico Javi López, noutros podería supor a saída de xogadores que contan para o club pero que teñen ofertas encima da súa mesa para poder cambiar de aires.

Neste último caso estarían varios futbolistas do equipo lucense. A boa tempada de Juan Carlos, Ramón Azeez, Kravets ou Bernardo Cruz chamaron a atención doutros conxuntos que mostraron o seu interese neste mercado estival.

Tal e como revelou o propio Viqueira o pasado fin de semana á Radio Galega, a intención do club é que non haxa terremotos" inesperados en forma de baixas e referiuse especificamente a Juan Carlos e Kravets. "Se veñen coa cláusula pouco podemos facer", asegurou o compostelán, que confía en que ese parapeto sexa suficiente para que se manteña o bloque actual.

No caso do ucraíno, polo que mostraron interese varios equipos de Primeira División —entre os que podería estar o Leganés—, a cláusula de 6 millóns para este verán e de 8 o seguinte blinda ao club ante unha posible marcha non desexada.

Outro dos nomes propios é o de Ramón Azeez. O nixeriano é obxecto de desexo do Xetafe e falouse do Córdoba de Francisco Rodríguez nas últimas datas. Con todo, o que o queira deberá abonar o millón de euros que figura na súa cláusula de rescisión.

Tamén existe interese no Córdoba por repescar a Bernardo Cruz, un defensor saído das categorías inferiores do conxunto califal e que conta cunha das fichas máis altas do cadro de persoal. Para facerse cos seus servizos o equipo andaluz debería facerse cargo do seu soldo e pagar unha compensación ao Lugo, algo que parece descartar este movemento.

O Lugo espera reter a estes futbolistas e terá que desfacerse doutros para inscribir ás súas fichaxes. Este sería o caso do centrocampista Yelko Pino, que aínda ten un ano máis co club e ao que haberá que buscarlle un equipo no que xogar a próxima campaña mediante unha cesión ou dándolle a carta de liberdade.

Nese caso poden estar tamén o extremo dereito Guille Donoso, que xa foi cedido no inverno pasado á Ponferradina onde xogou 15 partidos anotando tres goles. No seu caso, de convencer a Javi López na pretemporada podería ter un oco. Tamén está en dúbida a continuidade do mediocentro Kike Pérez, que estivo a préstamo no Cerceda e podería ter outra cesión tras disputar 25 encontros e anotar 5 goles.

En canto aos canteiráns Pedro e Cacharrón, o primeiro tería ficha coa Polvoreira en Terceira División, mentres o porteiro conta cunha oferta do Navalcarnero de Segunda B.

Control na rampla de saída
Comentarios