"A clave é gañar o sábado"

Erik Quintela destaca que o Río Breogán terá "máis tranquilidade" se vence a Palma no inicio dos play off. O base lucense asegura: "Todos temos un só obxectivo na cabeza"
undefined
photo_camera Erik Quintela busca enviar o balón a un compañeiro ante o xogador do Almansa Sergio Mendiola. VICTORIA RODRÍGUEZ

É tempo de play off. O momento no que todo se decide e que para o Río Breogán empeza o sábado ás 18.30 horas no Pazo dos Deportes co primeiro duelo da serie, ao mellor de tres partidos, que o enfrontará co Palma.

O base do Río Breogán Erik Quintela considera clave para a resolución da eliminatoria o que ocorra ese día. "Ao ser un play off curto, redúcese a marxe de erro. O primeiro partido vai ser fundamental. A clave é gañar o sábado porque iso daranos máis tranquilidade", dixo.

Ante o inminente inicio da eliminatoria, o xogador lucense desvela que no vestiario breoganista "hai máis responsabilidade que ilusión". "A pesar de que non estamos a xogar ao nivel máis brillante que podemos, todo o mundo só ten un obxectivo na cabeza e é o de volver á ACB. Todos temos claro que hai que gañar seis partidos", explica.

O maior dos irmáns Quintela non ten inconveniente en recoñecer que en gran parte da segunda fase da competición o Breogán non xogou ao nivel esperado. "É certo que agora mesmo as sensacións probablemente non sexan as mellores. Fixemos grandes partidos durante a primeira parte da competición pero agora parece que xa non somos un equipo tan rochoso. Pero por isto todos estamos a desexar demostrar que seguimos sendo aquel equipo e non o dos últimos partidos", sinala Quintela.

O base comenta que durante a segunda fase o Río Breogán "quizais acusou certo desgaste de estar durante moito tempo como líderes e isto xerou certo cansazo mental. Pero isto xa pasou, o obxectivo agora cambia radicalmente, agora trátase de gañar seis partidos".

CAMBIO DE CHIP. Para Erik Quintela co inicio dos play off "pódese producir un cambio de chip nalgúns equipos, non en todos". "É cuestión de responsabilidade e orgullo, e somos un equipo con estas características", engade.

A base asegura que tanto el como os seus compañeiros están a desexar "demostrar que somos o mellor equipo da liga" e que alcanzarán o mellor nivel se defenden ben. "Se a nosa defensa está ao nivel que xa mostramos, teremos moito camiño feito", afirma.

Erik Quintela di do Palma, equipo no que militou as dúas últimas tempadas, que será "un rival complicado pola súa forma de xogar". "Corren moito, xogan sempre con moito ritmo. Aproveitan moi ben os refachos de acerto de Kullamae e Harrell. É fundamental que logremos parar o seu ritmo e que nos primeiros segundos de posesión non teñan opción de lanzamento. No último partido que xogamos gañámoslles ben e, polo tanto, nós xa sabemos o que nos funcionou para volver facelo", finaliza.

Pérez: "Chegamos cun nivel de xogo moi bo" 
O Palma oficializou este mércores o inicio dos play off cun acto no que ademais do presidente do club balear, Guillem Boscana, estiveron presentes varios xogadores e un dos técnicos do equipo, Álex Pérez. O técnico mostrouse ilusionado ante o inicio das eliminatorias de ascenso. "Estamos contentísimos cos xogadores e coa institución pola calma que achegaron cando a situación non era tan boa ao principio. A tempada está a ser boísima", explicou. 

Ademais, o adestrador andaluz asegurou que "os xogadores evolucionaron moito" e advertiu de que chegan ao play off "cun nivel de xogo moi bo e con moitísima ilusión". 

Para Álex Pérez non hai dúbida de que o seu equipo "dará guerra" no play off ante o Breogán, xa que a súa "mocidade e o feito de que vaiamos sen presión fainos ser un equipo perigoso sen dúbida". 

Milan Suskavcevic 
O pivote montenegrino do Palma Milan Suskavcevic destacou que todos os xogadores están desexosos "de saír á pista do Breogán e facelo o mellor posible". Suskavcevic engadiu que "xa demostramos que podemos xogar contra calquera", aínda que "non vai ser fácil polo Breogán é un rival complicado".

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios