Ciclón mariñán

burela.jpg
photo_camera burela.jpg

O Burela FS fixo os deberes na primeira eliminatoria do play off de ascenso a División de Honra e conseguiu vencer ao Gáldar canario no único encontro da serie en Burela. Os
laranxas estiveron de fábula e gañaron por 4-0 a un rival moi incómodo.

O primeiro tempo, con todo, foi de control por parte dos dous equipos. Con esta situación as ocasións brillaron pola súa ausencia, aínda que no minuto 4 Vista Alegre vibrou cando os colexiados decretaron penalti nunha derriba do gardameta visitante Óscar sobre Purao. O capitán local, Juanma, encargouse do lanzamento, pero Óscar fixo a primeira de moitas intervencións de mérito durante o encontro.

Tivo que ser a balón parado como o Burela abriu a lata. André asistiu de falta a Víctor Cachón, que desde uns 12 metros conectou un disparo perfecto á escuadra da meta defendida por Óscar.

Na xogada seguinte, o Gáldar puido empatar. A nove minutos para a conclusión o técnico mariñán Suso Rey sorprendeu a todos colocando a Purao de porteiro xogador, e o resultado deulle a razón. O Burela tivo máis o balón e no 33 Víctor Cachón culminou unha boa xogada de slálom de André. O Gáldar optou por copiar a técnica do Burela e situou a Minhoca de porteiro xogador.

O resultado, con todo, foi ben distinto, xa que Juanma roubou un balón no 37 e situou o 3-0 que xa parecía definitivo. O capitán laranxa asinou un dobrete nunha perda de balón dos canarios na que só tivo que marcar a porta baleira. A próxima cita será o sábado que vén na pista canaria.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios