Chris Ramos: "Na nosa cabeza non está nin o playoff nin ascender"

O dianteiro do CD Lugo di que só pensan no Leganés
Chris Ramos. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Chris Ramos. VITORIA RODRÍGUEZ

O dianteiro do CD Lugo Chris Ramos afirmou que pola "cabeza" dos xogadores e corpo técnico do equipo galego non pasa nin a promoción de ascenso nin subir a LaLiga Santander, senón o seguinte partido, ante o Leganés o vindeiro luns. 

"Somos un equipo humilde, traballador, que vai partido a partido. Na nosa cabeza non está nin o playoff nin ascender, o obxectivo principal é a permanencia, que intentaremos conseguir canto antes. Se iso se logra, xa veremos", comentou nunha rolda de prensa telemática. 

O ascenso si é o obxectivo do Leganés, que en Liga non gaña desde o 2 de decembro (tres empates e dúas derrotas desde entón), pero que se mantén entre os seis primeiros de Segunda División con 34 puntos. "Esta categoría sabemos que vai un pouco por refachos, por dinámicas, pero o Leganés ten un equipo fantástico e nós iremos con humildade para traballar e intentar sacar un bo resultado alí", declarou. 

Do Lugo, que ten tres puntos menos que o conxunto madrileño, aínda que cun partido máis, Chris Ramos dixo que "a base principal" da tempada que está a facer é "o bo ambiente que hai" no persoal. 

Ramos anotou tres goles, deu dúas asistencias e provocou un penalti nos partidos en que participou esta tempada. "O adestrador está a contar comigo en todas as posicións de ataque, creo que o estou facendo ben, deixándoo todo no céspede, e os compañeiros estanmo facendo moi fácil", comentou. 

Ramos está cedido polo Valladolid no Lugo e acaba contrato co equipo castelán esta tempada, pero por agora non pensa no seu futuro. "Non penso máis aló do seguinte partido. Esa é a nosa mentalidade. Pensar máis aló, individualmente ou colectivamente falando, sería un erro", sentenciou. 

Comentarios