César Morgado: "Deséxolle o mellor ao Sabadell, pero iremos gañar o partido"

O defensa central do Lugo asegurou que o conxunto branquivermello buscará os tres puntos no duelo final da tempada a pesar de que a súa exequipo, o cadro arlequinado, xógase o descenso no Ángel Carro
Morgado conduce el balón. XESÚS PONTE
photo_camera Morgado conduce el balón. XESÚS PONTE

O xogador do CD Lugo César Morgado falou sobre o duelo final de tempada deste sábado (19.00 horas) ante a súa exequipo, o Sabadell, un equipo que se xoga a permanencia no Ángel Carro, e indicou que lle desexa "o"mellor , aínda que irá gañar o partido". Ademais, sobre o seu futuro, indicou que se irá de vacacións sen saber se continuará ou non na entidade que preside Tino Saqués, pero que está "aberto a todo".

"Falámolo co míster e este é un partido máis no que temos que seguir competindo, seguir insistindo en facer as cousas ben e acabar o ano cun bo sabor de boca diante da nosa afección, á que queremos darlle unha última vitoria. Queremos irnos de vacacións cun sabor máis doce do que levamos anteriormente", considerou Morgado.

"As últimas xornadas son así de tolas. Sabemos que vai vir un equipo que se está xogando o ano. Vai vir cunha intensidade e unha necesidade enormes e para poder levarnos o partido temos que igualar esa competitividade e o querer facer as cousas ben. Temos que xogar as nosas bazas. Será unha xornada na que poden pasar moitas cousas con equipos moi necesitados, pero nós temos que ir ao noso e a intentar gañar o partido", engadiu o defensor.

O defensa branquivermello afirmou que non falou cos seus excompañeros, que lle ten "agarimo" ao conxunto catalán, onde militou entre 2021 e 2023, pero que irá mirar o meu" e a "gañar o partido". "Teño excompañeros e xente á que lle teño moito agarimo, pero non falei con ninguén. Ao Sabadell, como ao resto de equipos nos que estiven, deséxolle o mellor, pero é verdade que esta semana é difícil. Eu vou mirar o meu, polo Lugo, que é onde estou e polo que teño que dalo todo e xa veremos o resultado que se dá. Desexaríalle o mellor ao Sabadell, pero nós iremos gañar o partido".

Morgado manifestou que aínda non analizaron ao equipo arlequinado. "De momento vimos pouco. é un equipo bastante mozo , moi activo e dinámico e que é alegre á hora de xogar. Con Óscar (Cano) conseguiron ter unha segunda volta moi boa. Sacoulle bastante rédito ao persoal, sacaron bastantes puntos coa sensación de poder saír desa zona de descenso e permanecer na categoría, que é algo que en novembro parecía algo case imposible. Deulle un envorco ao persoal para sacarlle o máximo".

"Espero un partido cunha intensidade moi alta porque eles estanlla xogando. Nós quereremos facer as cousas ben diante da nosa afección, polo que será un partido entre dous equipos que lla están xogando", valorou.

Sobre a tempada do equipo lucense, dixo que: "Este non foi o ano máis brillante de todos. Pero hai anos que son así, que non saen como un cre e nos que todo é mellorable a nivel colectivo e individual, pero estou contento da miña aprendizaxe outro ano máis, aínda que me queda a espiña cravada de non poder xogar polo menos o play off co Lugo, que era o obxectivo".

Para rematar, falou sobre o seu posible continuidade no equipo, algo que terá que "valorar", aínda que está "aberto a todo". "Aínda non sabemos nada. Entendo que nesta categoría as cousas son máis pausadas que noutras categorías á hora de falar de futuro, porque o tema económico non é o mesmo que cando estás no fútbol profesional. Agora acabaremos a tempada, irémonos para casa e supoño que logo se verá todo, haberá contactos e verase que é o que pasa".

"Depende de todo. Creo que cada ano hai que valorar, pero eu estou aberto a todo porque aquí tratáronme xenial. Todo é ver o que mellor lle veña á familia, que é o primeiro. Todo verase", recalcou.

Comentarios