O CD Lugo proponse encadear outra alegría

O Lugo afronta o Derbi dous Ancares ante a Ponferradina coa idea de dar continuidade á boa imaxe mostrada o domingo ante o Fuenlabrada. Eloy Jiménez anuncia rotacións
Manu Barreiro. XESÚS PONTE
photo_camera Manu Barreiro. XESÚS PONTE

Aproveitar a inercia para tomar impulso. Manter a boa liña mostrada ante o Fuenlabrada, soster o mollo sólido en defensa e ambicioso en ataque para sumar o segundo triunfo consecutivo e afirmar o seu dominio no Ángel Carro. O Lugo tratará este mércores (19.00 horas) de facer seu o Derbi dos Ancares ante unha Ponferradina con dúbidas para crecer na táboa, aumentar o seu nivel de confianza e saldar en positivo a semana de tres partidos.

"No vestiario falaramos que o complicado era gañar o primeiro partido. Era vital gañar o domingo ante o Fuenlabrada porque así contas con boas sensacións para o seguinte. Despois, os xogadores comentaban a sorte de xogar dous partidos seguidos en casa para seguir obtendo puntos, porque gañar daríanos moita confianza. Sairemos a morrer porque non podemos conceder nada. Se gañamos outros tres puntos sabemos que fóra de casa temos un partido complicado en Zaragoza, pero aquí téñense que quedar todos os puntos", aseguraba o técnico do Lugo, Eloy Jiménez.

Para sumar seis de seis, o conxunto lucense terá que volver completar un partido como o disputado o pasado domingo, no que apenas concederon ocasións ao seu rival e xeraron un ataque fluído e profundo.

A Ponferradina é un equipo que ten bos futbolistas, con moito desborde por fóra, que sabe o que quere

Enfronte terá a un contrario que chega tras empatar un partido que dominaba por 1-0 e con dous xogadores máis ante o Alcorcón, pero que acabou empatando cun gol oleiro. A pesar do golpe moral de perder dous puntos, o conxunto berciano é un conxunto ben construído, cun persoal cohesionado pola continuidade de boa parte dos xogadores que lograron o ascenso a pasada campaña e a capacidade de xogar de varios xeitos.

"A Ponferradina é un equipo que ten bos futbolistas, con moito desborde por fóra, que sabe o que quere e case todos son xogadores que ascenderon. Teñen as ideas moi claras. Domina rexistros directos e de xogo posicional. Será un partido onde eles non renunciarán a saír e irse arriba. Son un equipo valente. Queremos ser un equipo dominador e seguir na nosa liña de crer no que estamos a facer", declarou Eloy Jiménez sobre o seu rival.

Quero introducir a algún xogador que está a traballar moi ben e moi forte e pódenos dar frescura

O técnico de Hellín podería realizar cambios no once titular e facer rotacións nesta semana de varios encontros. "Teño a idea xeral do que quero para mañá (por este mércores). Cando tes unha semana de tres partidos hai que saber a que xogadores pode afectarlles un pouco máis eses tres partidos. Antes de empezar o partido adestraremos e segundo se recuperaron os xogadores do partido do domingo así exporemos o duelo. Quero introducir a algún xogador que está a traballar moi ben e moi forte e pódenos dar frescura", asegurou Jiménez.

Deste xeito, o preparador branquivermello cambiaría a algúns xogadores ante a Ponferradina. Parece segura a presenza de Varo baixo paus, mentres que en defensa tamén poderían seguir os dous laterais: Campabadal e Canella. Peybernes daría descanso a un Carlos Pita ao que quere coidar de cara ao resto da tempada, mentres que José Carlos mantería o seu sitio de inicio.

Na medular, Seoane podería descansar para deixar a súa posición a Jaume Grau como pivote, mentres que Borja Domínguez e Álex López xogaranse un posto na medular. Arriba, os bos minutos de Yanis poderían conducilo ao posto de extremo esquerdo, con Gerard Valentín na dereita e a dupla Critian Herrera-Manu Barreiro como puntas.

Ponferradina Cambios na once inicial berciano
O técnico da Ponferradina, Jon Pérez, ‘Birlo', conta coas mesmas baixas que na última xornada no Toralín, ao non poder recuperar nin a Sergio Buenacasa, que recaeu da súa lesión muscular que lle impediu debutar oficialmente, nin tampouco a Pablo Valcarce e José Antonio Reina, lesionados ante o Tenerife. A decisión que terá que adoptar o técnico vasco é se mantén o mesmo equipo das dúas últimas xornadas ou se decanta por rotar coa mirada posta tamén na seguinte cita do domingo ante o Oviedo dosificando os esforzos entre o seu persoal.

Córner presidencial
O CD Lugo homenaxeará a todos os presidentes da súa historia co ‘Córner Presidencial', un espazo situado no Palco de Honra. Na previa do choque deste martes inaugurarase o mural nun acto ao que foron invitados todos os presidentes da historia da entidade.

Apertura do bar da Federación de Penas
A Federacion de Penas abrirá o seu bar, no Pazo de Feiras, desde as 15.30 horas. Entre esa hora e ata as 17.30 haberá prezos reducidos e poderanse comprar hamburguesas de carne dos Ancares.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios