O triatleta do Club Fluvial e campión do mundo, Lucas García, obtén a alta hospitalaria

O rapaz, que pertence ao Club de Triatlón Cidade de Lugo Fluvial, continúa coa súa recuperación no seu domicilio despois de ser vítima dun grave accidente mentres adestraba en bicicleta o pasado 18 de xaneiro
Lucas García, coa medalla de campión mundial de Pontevedra. ANXO LORENZO
photo_camera Lucas García, coa medalla de campión mundial de Pontevedra. ANXO LORENZO

O triatleta Lucas García obtivo a alta hospitalaria o pasado sábado. O deportista galego está xa na súa residencia para seguir co proceso de recuperación despois do accidente que sufriu mentres adestraba coa bicicleta o pasado 18 de xaneiro.

O rapaz, de 17 anos de idade, cumpridos nos últimos días, abandonou o Hospital Clínico Universitario de Santiago, no que permaneceu ingresado durante o último mes e en cuxa UCI estivo durante as primeiras semanas da súa convalecencia debido ás importantes lesións que padecía.

García sufriu un impacto contra un automóbil en circulación, mentres realizaba unha sesión de bicicleta xunto co grupo de becados do CGTD, que traballan baixo a supervisión de Omar González e Carlos David Prieto. O accidente produciuse nunha estrada secundaria no concello de Barro, que une a estrada nacional N 550, que conecta Pontevedra con Santiago de Compostela, e a PO 53, entre Pontevedra e Vilagarcía.

O mozo vai progresivamente incorporándose ao seus hábitos cotiáns como principal prioridade a curto prazo, sen establecerse prazos nin obxectivos para o seu regreso aos adestramentos ou á actividade deportiva.

A nova positiva é que vai recuperando as capacidades que se viron afectadas polo accidente e as lesións que se produciu, paseniñamente, para poder levar a cabo a súa vida que se vaia incorporando a uns cauces de normalidade.

Campión

O triatleta, que reside actualmente en Santiago de Compostela coa súa familia, é un deportista cun gran talento, que se proclamou campión do mundo de triatlón no grupo de idade de 15-19 anos na distancia super esprint. Fíxoo o pasado verán, no evento final das Series Mundiais que se levaron a cabo en Pontevedra.

A súa evolución e os seus resultados convérteno nun dos grandes deportistas de categorías base e inferiores do deporte pontevedrés en particular e galego, en xeral.

Ademais do título mundial de Pontevedra, o rapaz xa participou nas Copas de Europa de Melilla e Quarteira no pasado curso, con resultados moi notables na categoría xuvenil, e ademais competiu na proba de Banyoles, cun décimo quinto lugar na categoría júnior.

Durante este inverno, na súa preparación para a temporada de tríatlon, Lucas tamén conseguira o terceiro posto no Campionato de Galicia sub-18 de campo a través, poñendo de manifesto as súas boas aptitudes para o treito atlético.

Comentarios