A lucense Helena López, unha campioa con todo o futuro

A deportista do Centro Deportivo D10 proclámase campioa de España infantil de natación artística
Helena López. EP
photo_camera Helena López. EP

Helena López, lucense de tan só 13 anos, é a nova campioa de España de natación artística na categoría infantil. O seu fito vén logo de alcanzar o ouro na categoría de nados no ano 2008 e acabar nun quinto posto no xeneral infantil, que comprende aos nados nos 2006, 2007 e 2008.

A moza lucense comezou na natación artística –unha categoría que forma para da natación sincronizada–, cando só tiña cinco anos. Os seus primeiros contactos coa auga foron na piscina de Frigsa co club CN Porta Miñá e a cargo da adestradora Ariadna López. Posteriormente, Helena López ingresou ao D10, equipo lucense formado por algo menos dunha decena de nenas e que, a diferenza do Porta Miñá, este si compite na modalidade de natación artística.

A nadadora, que non puido presentarse para o Nacional de inverno por as limitacións da pandemia, xa ten saboreado o ouro cando era moito máis novo: "Aos 7 anos fun campioa galega de natación artística".

A natación artística necesita polo menos tres metros de fondo na piscina

No relacionado a este deporte, Helena López afirma que non "está igual de recoñecido como outros deportes", e que no caso máis particular dos deportes de nado, a sincronizada carece da "importancia que teñen outras disciplinas".

A súa condición de deporte minoritario déixalle practicamente sen apoios institucionais, Helena López e a súa nai coincidían en que en Lugo "nin sequera temos sitio para practicar ben a natación artística, necesitamos profundidade", di achacando a falta de fondo da maioría de piscinas de Lugo; esta debe ser de tres metros polo menos, para poder practicar a modalidade con seguridade.

A única que pode chegar a cumprir este requisito é a piscina de Frigsa, pero as competidoras do D10 declaran que "non temos acceso a ela porque está moi copada ben polo Porta Miñá ou ben pola xente que vai nadar a nivel particular", resalta a nadadora ao explicar a situación que sofren. "É un deporte no que non podemos tocar o fondo da piscina, atopámonos moi limitadas para practicalo aquí", explica.

A pesar de todo, recoñece que o apoio da Federación Galega de Natación (Fegan) foi bo e brindoulle a oportunidade de adestrarse a mans de Sandra Ramírez –adestradora internacional, natal de Avilés–, coa que puideron realizar numerosos adestramentos en Pontevedra, conxuntamente con outras mozas de toda Galicia.

Preto de 35 nenas practican este deporte en Lugo

No caso da lucense, aínda que actualmente cursa educación secundaria, non lle supón lastre algún competir e estudar á vez. "Se te organizas, leva ben", afirma a moza. As súas metas futuras asemellan estar ben definidas; a curto prazo a nadadora aspira a presentarse aos próximos nacionais do ano que vén e, á súa vez, intentar optar ás bolsas que se ofertarán desde o Centro de Tecnificación Deportiva (CGTD), organismo a cargo da Xunta de Galicia que se encarga de apoiar a novas promesas do deporte galego.

Como colofón aos seus desexos, Helena López soña en converterse co paso dos anos, nunha nadadora de éxito ao estilo do seu ídolo e referente, a olímpica española Ona Carbonell. De non ser posible, a moza sentiría feliz como futura adestradora de natación sincronizada, compartindo así o seu gusto por este deporte con moitas outras persoas.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios