O camiño cara ao éxito de Jorge Prado, recollido nun documental

Red Bull TV estreou este martes Cos pés na area, unha produción que retrata a maduración do piloto lucense ata converterse en campión do mundo de MX2

Jorge Prado. BARBARA OIZMUND
photo_camera Jorge Prado. BARBARA OIZMUND

En setembro de 2018, Jorge Prado fixo historia no motociclismo español ao alzarse co título de campión do mundo de MX2. Tiña tan só 17 anos. 

Agora, seis meses despois, Red Bull TV repasa a traxectoria do piloto lucense no documental Cos pés na area, unha produción mostra durante 24 minutos as renuncias e éxitos da "neno marabilla do MX mundial".

O documental, que pode verse na web de Red Bull, resalta a importancia da familia do novo piloto na súa carreira deportiva. De feito, o propio Jorge aproveita o lanzamento deste martes para mostrar todo o seu agradecemento ao seu pai na unha carta "Hoxe é un día no que ti e o resto de pais sodes os protagonistas. En días como este, somos os fillos os que valoramos a vosa importancia. Eu quérovos agradecer, a ti e a mamá, todo o que fixestes e facedes por Cecilia e por min, pero como é o teu día, vou falar e centrarme soamente en ti".

Na misiva, Prado recorda como xurdiu a súa afección polo moticiclismo grazas ao seu pai e ás saídas que facían xuntos para gozar do trial. "¡Non te podes nin imaxinar o que me gustaba pasar o día en moto contigo! Grazas", engade antes de agradecer aos seus proxenitores que "arriscasen todo" por el. 

"Eses primeiros anos vivindo fóra de España foron complicados para toda a familia. Estar lonxe da casa non é fácil, e nun país con diferente idioma e cultura foino aínda menos. Ademais de anos complicados a nivel deportivo, que puidemos superar tamén grazas á túa actitude, ás ganas que tiñas de apoiarme para, tal vez un día, conseguir os nosos soños. Grazas. Papá, non podía imaxinar mellor compañeiro de viaxe, compañeiro de entrenos, compañeiro de carreiras, amigo e pai", conclúe.
 

Comentarios