O calvario de Jorge Prado continúa en Pietramurata

O lucense, que correu cunha vértebra fisurada, acabou primeiro na manga inicial e abandonou por caída na segunda
Jorge Prado, durante la prueba. EP
photo_camera Jorge Prado, durante la prueba. EP

Unha caída na segunda manga frustrou a actuación do lucense Jorge Prado (KTM) no GP de Pietramurata, que deixou nun puño a loita polo título mundial entre o neerlandés Jeffrey Herlings (KTM), o francés Romain Febvre (Kawasaki) e o esloveno Tim Gajser (Honda), separados tan só por tres puntos.

Prado, que encarou este segundo gran premio seguido no trazado italiano cunha vértebra fisurada e sen apenas opcións na loita polo título, cumpriu pese á dor unha boa primeira carreira, na que concluíu quinto, pero na segunda o letón Pauls Jonass golpeoulle na roda traseira, co que caeu e tivo que abandonar.

O piloto lucense, sexto nos adestramentos, volveu ser o máis rápido na saída na manga inicial por décimo cuarta vez na tempada, pero tras unha dura pelexa con todos os rivais acabou quinto nunha carreira na que Febvre se apuntou unha difícil vitoria por diante de Gajser e o italiano Antonio Cairoli (KTM), en tanto que Herlings tamén tivo que retirarse logo de caer.

Na segunda carreira, Prado, aínda que non foi o máis rápido na partida, instalouse nas primeiras prazas ata que cando loitaba polo sétimo posto con Jonass, este golpeou a Prado na roda traseira. Aínda que intentou seguir pouco máis tarde retirouse para evitar máis problemas.

A proba volveu ser moi emocionante. Esta vez Cairoli, ao cabo gañador do Gran Premio, levou o parcial por diante do suízo Jeremy Seewer (Yamaha), Gajser e herlings, que se recompuxo dos problemas da primea manga.

A xeral queda encabezada por Herlings con 573 puntos, polos 572 de Febvre e os 570 de Gajser, en tanto que Prado segue cuarto con 473, xa con Cairoli moi preto (464). O domingo disputarase o GP de Garda de novo en Pietramurata.

En MX2, o francés Tom Vialle (KTM) e o austríaco Rene Hofer (KTM) repartíronse as vitorias con triunfo no gran premio para este último por diante do belga Jago Geerts (Yamaha) e do vigués Rubén Fernández (Fonda), que asinou un terceiro e un quinto posto.

O título nesta categoría está practicamente decantado a favor do francés Maxime Renaux (Yamaha), que avantaxa en 87 puntos a falta de 150 a Geerts, mentres que Viealle é terceiro con 492. Fernández é noveno na xeral con 364.

Comentarios