Burela Bonita, noite para avanzar

A carreira ten asegurado o récord de participación na terceira edición, que será o sábado ► A proba suporá a terceira cita do circuíto Tour Mariña de El Progreso e Championchip

Un momento de la pasada edición de la Burela Bonita. JOSÉ MARÍA ÁLVAREZ
photo_camera Un momento da pasada edición da Burela Bonita. JOSÉ MARÍA Álvarez

A Praza da Mariña, punto de saída e de chegada, e as rúas máis céntricas de Burela vivirán o sábado unha xornada lúdica, festiva e moi deportiva coa celebración da terceira edición da carreira nocturna Burela Bonita, unha proba que cada ano congrega a máis afeccionados ao atletismo de todas as idades. A terceira Burela Bonita será, ademais, a terceira proba desta tempada do Tour Mariña, que organiza Championchip coa activa colaboración de El Progreso e que antes tivo paradas xa na Pontenova, coa primeira Vía Verde e na Milla de Foz, celebrada o pasado sábado.

Desde a súa chegada á concellaría de Deportes de Burela, Ramiro Fernández Rey, quixo aumentar a oferta no seu departamento e unha das súas grandes apostas é esta Burela Bonita, da que se sente moi orgulloso. "É unha proba na que puxemos moito interese e dende logo que sentimos orgullosos de que cada ano vaia a máis. Queremos que sexa un punto de reunión para a xente non só de Burela, senón para os mariñáns e os visitantes que se achegan á bisbarra. Tratamos de que non so sexa unha proba deportiva, senón tamén unha cousa amena para que se divirtan os participantes e os seus acompañantes", dixo.

Ramiro Fernández Rey:Para nós todo o que sexa superar as cifras dos anos anteriores supón un éxito e isto é algo que xa temos garantido

A falta das últimas horas, que adoitan ser proclives en inscricións, a lista de participantes en Burela Bonita supera xa os 200 entre as seis categorías, dúas delas para as carreiras absolutas de 5 e 10 quilómetros e o resto, para menores. Esta alta participación garante xa unha marca respecto das dúas primeiras, algo que valora Fernández Rey. "Para nós todo o que sexa mellorar as anteriores sempre supón un éxito e a estas alturas temos xa case seguro que roldaremos os 300 participantes, que é unha cifra que case ata nos sorprende. Queremos agradecerlle a todos, os maiores e os rapaces, a súa presenza na proba e trataremos de que se sintan cómodos e felices en todo momento", sinalou Ramiro Fernández Rey.

Agora mesmo hai tres carreiras en Burela; unha oferta interesante que nos convirte nunha referencia neste deporte

UNIFICACIÓN. Unha das principais novidades da carreira radica na incorporación das categorías inferiores ás probas xa habituais de 5 e 10 quilómetros para os maiores. A pasada edición estreáronse as probas de base, pero se realizaron nun horario e escenario diferente, algo que se pretende evitar a partir de agora. "Pensamos que o ideal é centralizar todo para que todos, aínda os máis noviños, poidan tamén gozar do ambiente das carreiras cos maiores, e viceversa. Era unha idea que viñamos barallando e pensamos deixala así para o futuro", afirmou o edil, que aproveitou tamén para pedir comprensión aos veciños polo peche de determinadas rúas para facilitar a celebración das carreiras e garantir sobre todo a seguridade dos corredores. O edil é consciente de que non é fácil contentar a todos os veciños, pero pídelles colaboración e comprensión "para que todo saia como esperamos", dixo.

RECLAMO TURÍSTICO. A pesar de que a Burela Bonita é un espectáculo deportivo, Fernández Rey tamén destaca o impacto turístico e promocional que supón para Burela contar con iniciativas que congreguen a participantes e acompañantes en Burela. O edil recorda que, ademais da Burela Bonita, tamén contan coas probas de Alas de Vida e a Mediolanum 15K Burela-Foz, o que converte ao municipio burelense nunha referencia no atletismo comarcal. "Penso que a oferta é moi interesante", afirmou.

Comentarios