O Breogán quere superar os 4.000 abonados este curso

O club comeza unha "ambiciosa" campaña co lema 'Unha tempada de cine'

photo_camera Tito Díaz, onte, no Pazo. EP

Superar os 4.000 abonados, encher o Pazo en cada partido, que o Breogán viva 'Unha tempada de cine'. Así son os parámetros principais da "ambiciosa" campaña de abonados para a tempada 2019-2020, segundo explicou o director xeral do equipo lucense, Tito Díaz. O dirixente recoñeceu que será difícil alcanzar a cifra dos 4.900 abonados da pasada campaña, na liga Endesa, pero explicou que é posible superar os 4.000.

"Partimos cun obxectivo ambicioso. O ano pasado a resposta do breoganismo foi buenísima. De feito, esgotamos a cota de abonados na ACB. O que queremos agora é que non se vaian demasiados. Queremos manter un grupo de abonados alto. Marcámonos o obxectivo ambicioso de alcanzar os 4.000 abonados. O ano pasado chegamos ata os 4.900, o ano anterior na LEB chegamos ao redor dos 3.000. Partimos dun obxectivo ambicioso", recoñeceu.

O director xeral considera que a campaña de abonados é fundamental para a estratexia do club lucense. A campaña "é un apoio moi importante para a solidez do club e para pelexar polos obxectivos que nos propuxemos", que non é máis que o regreso do equipo á máxima categoría nacional. Tito Díaz explicou que o desexo do club é "simplificar" todo o proceso dos afeccionados. "Mantéñense os tradicionais prezos para familias e colectivos. Ademais, o club fai descontos a parellas, fillos de abonados, menores de 18 anos, estudantes, desempregados e maiores de 65 anos", explicou Díaz.

O dirixente explicou igualmente que os carnés da pasada tempada serán válidos no momento en que se activen, de xeito presencial ou a través de internet. Díaz engadiu que se abre o luns un prazo preferente para os abonados da pasada campaña. "Logo, do día 15 ao 21 renovarase o abono só de forma en liña. Do 21 de xullo ao 11 de agosto os abonados da pasada tempada manterán dereito preferente sobre os seus asentos. Os asentos non renovados ata o 11 de agosto quedarán liberados e abrirase un segundo prazo, ata o 18 de agosto, só para quen queira cambiar de asento. E a partir do 19 de agosto terminará esa restrición de abonados e ábrense os abonos para o público en xeral, coincidindo co inicio da pretemporada para o equipo", terminou.

Comentarios