O Breogán queda un mes sen Salva Arco

Salva Arco, ante o Manresa. JOAQUIM ALBERCH

As probas revelan que o capitán sofre unha rotura do ligamento tibio-peroneo anterior

A praga de lesións segue cebándose co Cafés Candelas Breogán, que non poderá contar co seu capitán, Salva Arco, durante aproximadamente un mes, polo que se perderá o inicio de liga.

O á catalán tivo que retirarse no amigable ante o Baskonia tras un choque fortuíto contra un rival. Aínda que parecía que o alcance da lesión sería menor, as probas realizadas revelan unha rotura do ligamento tibio-peroneo anterior, segundo informou o club este mércores.

O período de baixa estimado é de catro semanas. Arco xa traballa na súa recuperación cun tratamento específico de fisioterapia baixo a vixilancia do equipo médico do club.

O primeiro partido que se perderá o capitán é o deste xoves ante o Shenzhen Leopards. O conxunto chinés, que asinou un acordo co Breogán, xa está na cidade e foi recibido pola alcaldesa Lara Méndez.

No encontro deste xoves, que se disputará ás 20.30 horas no Pazo, os lucenses estarán seriamente mermados, con varios xogadores entre algodóns como Henk Norel, Lucio Redivo, Alec Brown ou Ricardo Uriz. Ademais, o ucraíno Volodymyr Herun está coa súa selección para disputar as  Ventanas Fiba. O brasileiro Felipe dos Anjos, incorporado para reforzar os adestramentos en pretemporada, debutará con toda probabilidade ante o equipo asiático.